Opinión

Despoboamento e espolio

A dimensión profunda do avellentamento e despoboamento percibina organizando unha excursión ás Cíes coa asociación veciñal. A visita requiría trasladar unha relación de nomes e números de DI das persoas visitantes, o que semella sinxelo, pero, cunha media de idade elevada, demorou conseguir e organizar os datos, por cuestións como non ter destrezas para envío de mensaxes de texto ou o simple feito de non atopar as gafas.

Non comungo coa visión catastrofista sobre a desaparición de Galiza e o devalo demográfico: o avellentamento é un proceso positivo dun mundo con maiores taxas de esperanza de vida; mais o que é unha catástrofe é o sobreenvellecemento e acusado despoboamento de zonas do interior galego. Das causas, como di Isidro Dubert en A morte de Galicia, a Xunta, abrazando a política natalista máis rancia, pon o foco na baixa natalidade e non na estrutural emigración por falta de oportunidades laborais. Así, o interior sufrimos a redución da superficie agraria útil con cultivos forestais pirófitos, a degradación dos acuíferos ou a irrisoria compensación polos danos ambientais e sociais da auga encorada.

Non é unha maldición, é o plan dos gobernos Feijóo: afondar nas desigualdades e desorde territorial da Galiza para que as empresas enerxéticas (cada vez máis beneficiadas por mudanzas normativas) teñan doada a implantación dos seus proxectos, dinamitando a base mesma da posible oposición ou reclamación de modelos alternativos: a xente.

Unha poboación preocupada por como chegar a fin de mes coa escasa pensión ou ocupada en atender persoas dependentes ten menos tempo para a militancia e o activismo. Afortunadamente, o interior galego non é un ermo, e a cidadanía organízase e mesmo acada logros como a paralización do parque eólico do Iribio.

Pero cada vez é máis dura a loita, cunha nova maioría “popular” que utilizará os fondos europeos para o seu proxecto de depredación. Non queda outra que fortalecer unha sólida e transversal alianza contra o espolio.

Comentarios