Opinión

Democracia ou Borbóns

O rei que, dicían, “trouxo a Democracia”, foise espindo e dando a ver como o que é: unha persoa non moi “avispada”, educada no seo do Franquismo, que usou o seu papel como mecanismo para facer negocios persoais e familiares e pegarse a gran vidorra.

Dende 2014, en plenos efectos sociais da crise económica, a caída de apoio popular á Monarquía foise facendo imposible de tapar, e así parece que continuará, malia que o CIS non consulte abertamente sobre a mesma ou por moitos documentais haxiográficos que a canle pública estatal emita. Ademais, medrou a conciencia de que non se trata só das “correrías” do seu titular, senón que a Coroa ampara un armazón de continuidade do poder financeiro, xudicial, militar e político do Franquismo, protexido por unha prensa servil e pola represión xudicial.

Se o Estado español quere homologarse, canto menos, ás democracias do contorno debe rematar coa opacidade e a falta de control sobre a institución monárquica. Pero tamén ter en conta que, na Coroa, titular, familia e institución non son diferenciables: a monarquía borbónica española é estruturalmente corrupta e contraria aos dereitos fundamentais como o de expresión ou á liberdade dos pobos, como puxo de manifesto internacionalmente o discurso de Felipe VI tras o 1 de outubro.

A recente apertura de investigación por parte da Fiscalía da Audiencia Nacional a Ana Pontón, Pera Aragonés e Teresa Rodríguez é un novo recordatorio de que é urxente rematar coa sobreproteción da Coroa no Código Penal, como teñen indicado o TEDH ou o Comité de Dereitos Humanos da ONU.

Ou se abre un proceso de debate e reformulación do Estado ou o Poder manterá un centralismo férreo e un sistema mediático amordazado incompatible coa democracia. Namentres, fronte á ilusión da “xeometría variable” nos pactos para sacar adiante a lexislatura, na composición do Congreso seguirá medrando o republicanismo –nomeadamente, o independentismo– e o PSOE terá que escoller nalgún momento: ou Borbóns ou Democracia.

Comentarios