domingo 28/11/21

Deixar de comer

A min pasoume con trece anos e pico. Calquera puido ser o detonante, quizais o comentario dun parvo de oitavo curso sobre ter un cu grande. Comezas coma quen que non, probando a almorzar só leite ou levando unha pequena mazá nada máis para toda a mañá. O que obxectivamente é san e ideal convértese nunha obsesión por restar calorías e as xornadas escolares contabilízanse polo tempo que aguantas sen tomar pan. 

A imaxe do espello non a recoñeces, en parte pola adolescencia, e descobres que hai amigas que tamén comparan a súa silueta nas fotos –que tortura sería agora co Instagram!- a respecto de como te ves ao mirarte dende arriba.

Por sorte, a miña estupenda familia en pouco tempo percibiu e reaccionou, e a sorte quixo tamén que no meu centro de saúde un médico tivera tempo suficiente para atender a unha paciente que precisaba máis palabras que receitas. De feito, lembro unha longa conversa e un resorte cerebral que me serviu para saír do círculo de fame inducida e comezar así unha recuperación sen máis pauta que unhas recomendacións diarias de tarefas sinxelas. Porque desfrutar dun almorzo con torradas e manteiga era un fito.

Agora coñezo adolescentes, demasiadas, que non tiveron a fortuna de quedar nun principio de anorexia, nun contexto pandémico de non recuperación de atención presencial no nivel básico de saúde, que se une a unha carencia estrutural en Saúde Mental. Se tes “sorte”, poderás acceder a tratamento con rapidez, mais esa sorte depende, moitas veces, de acudir a clínicas privadas porque existe unha lista de agarda intolerable. Xusto cando o escenario coronavírico aumenta as doenzas mentais seguimos sen reforzar este piar na Sanidade Pública e mantemos a Atención Primaria, que pode detectalas, desbordada. A tormenta perfecta para que rapazas, tamén rapaces, perpetúen esa tortura de deixar de comer.

O pesadelo pode rematar, non querer probar bocado non é “por capricho”, pedir axuda non é debilidade, volver desfrutar comendo é posible: ánimos!

Deixar de comer
comentarios