Opinión

De novo, descontrol

As profesionais a pé de Hospital levan semanas alertando que a situación da “segunda onda” da pandemia está empeorando e que se enfrontan a saturación sanitaria con cansazo acumulado do persoal.

Na Galiza, pese á proclama de estarmos “menos mal” que noutros lugares, hai traslado de pacientes entre zonas sanitarias (do CHUO a Vigo, pola presión sobre a UCI de Ourense) e aumenta o sobreesforzo dun persoal que, en moitos casos, non pode coller días libres. De feito, hai escaseza no Sergas de profesionais de enfermaría para cubrir baixas ou para reforzos, algo que xa era habitual no sector das residencias. E isto cunha Administración opaca, que se nega a dicir os datos por concellos e o número de rastrexadores.

Mais, os problemas non hai que achacalos só á pandemia: partimos dun sistema sanitario que sufriu graves recortes e que ten un diferencial de investimento a respecto da media da Unión Europea, como pode verse no informe O estado da Saúde na UE, de 2019: menor gasto sanitario per cápita (un 15% menos), menor investimento total (8,9% do PIB, fronte a 9,8% da UE) e menor financiamento público (71%) que no conxunto da UE (79%).

Obviamente, isto debe poñerse en relación coa menor presión fiscal do Estado español en relación á media da UE: un 5% menos. O baixo nivel de investimento é unha das causas das precarias condicións laborais no colectivo da enfermaría e, en xeral, do persoal do Sergas, que ten unha taxa de temporalidade do 40% na atención especializada, e 28% en Primaria. 

Estamos pois ante elementos estruturais que provocan o descontrol e o stress do sistema cando se sobrecarga máis ao aparecer a Covid-19.
Por iso, é labor cidadá evitar a sensación de falsa normalidade, nin que sexa a “nova”, cumprir coas recomendacións sanitarias, pero tamén esixir un compromiso de presente e futuro cos sistemas públicos de Benestar, que non poñan en caos o sistema ante as perturbacións. Esa é a mellor homenaxe e aplauso, para o persoal sanitario e para nós como sociedade.

Comentarios