Opinión

Criticar as políticas

 

 

Existen opinións que, pretendendo criticar determinadas políticas, agochan unha crítica ás políticas, ás persoas en tanto que mulleres.

Non se trata aquí daquelas controversias fundamentadas na oposición ás decisións ou ideoloxías das mulleres políticas –ás veces tamén se cae no paternalismo de entender toda crítica como machismo–, senón das diatribas marcadamente sexistas.
Independentemente da simpatía maior, menor ou nula con destacadas dirixentes políticas, non cabe dúbida que certas sentencias dirixidas a Díaz, Pontón, Montero, Colau, Silva… non son inocentes.

Ambición e carreira política longa é o que se lles achaca a Yolanda Díaz e Ana Pontón, con memes máis ou menos simpáticos –algo plenamente san nunha democracia–, pero tamén con afiados detalles que raian no machismo cando os mesmos atributos se demonizan nelas e nin se di palabra ante os exemplos de políticos homes mediocres que escalan no seu partido ou que ocupan anos e anos escanos en Parlamentos sen apenas, sequera, intervir. Será que provoca aínda estrañeza que sexan mulleres quen lideren forzas políticas.

De Carmela Silva ou Ada Colau destacan as críticas que mesturan machismo e clasismo, dende o "chacha para todo" do Alcalde de Vilanova (PP) até as críticas á suposta falta de preparación académica de Ada Colau, á que se chegou a demonizar con fotografías dela tras os atentados de Barcelona nos que coincidía estar cun sorriso e nos que tiña un vulto no ventre por mor dunha complicación do parto.

Con Irene Montero produciuse un fenómeno de deshumanización por mímese co mesmo proceso que sufriu Pablo Iglesias, chegando a acoso familiar e vulneración da intimidade. Unha das últimas estampas foi ver a outra dirixente, Macarena Olona (Vox), alentando a dous homes a criticar que, seica, "non lles pon".

Queda por avanzar pero agardo que se normalice que as políticas mulleres son tan políticas coma os homes: nin especiais pola condición feminina e atributos asignados a esta, nin mellores nin peores.

Comentarios