venres 18/06/21

Contra a impunidade

Do incidente do debate electoral de Madrid no que a candidata de Vox minimizou e se negou a condenar ameazas reais de morte saíu unha determinación en gran parte da cidadanía: rematar coa impunidade. A impunidade dos medios de comunicación branqueando partidos e discursos de odio, a impunidade das mentiras fabricadas contra determinadas opcións políticas –comezaron hai tempo contra as independentistas–; a impunidade de non rexeitar frontalmente un partido fascista, que deriva da impunidade do franquismo, vicio de orixe da democracia española. A anomalía europea toca á súa fin no Estado español: o futuro ha de ser republicano, no fondo e nas formas –o modelo de Estado–.

Da “batalla de Madrid” imos ter que sacar reflexións sobre como actuar na política estatal nos vindeiros anos, e non vale pechar os ollos e laiarse de que as cousas da capital o inundan todo. Efectivamente, mais ese é un síntoma que debemos afrontar con intelixencia e non con memes. No ecuador da campaña vimos que é útil para a esquerda e o progresismo a unidade de acción na diferenza e o respecto da diversidade: cómpre un pacto que consolide a fin da impunidade. Coñezo a opinión dalgunhas xentes do PSOE que xustifican, sendo republicanas, a necesidade da Coroa en España como figura de contención da extrema dereita. Non semella que a “contención” funcionara, máis ben ao contrario: a extrema dereita séntese impune ante as estruturas do Estado –ao que non axuda o arquivo de determinadas causas– e ve no monarca a quintaesencia do seu modelo de unidade de España, nunha roda infernal de relacións capital-medios-xustiza ultraconservadoras.

Para saír da impunidade cómpre un pacto republicano entre forzas democráticas, algo do que se falara abondo en 2014 entre partidos independentistas e de nova esquerda, un novo “pacto de San Sebastián”, sen que rematara de cristalizar. Veremos o resultado de Madrid este domingo, pero a todas as persoas demócratas nos compete impedir “que pasen”.

comentarios