Opinión

Con trece anos

En marzo coñecemos novas sobre menores violadas.

Unha delas, tras quedar co seu agresor a través das redes sociais, quen foi detido tras unha declaración da nena "persistente, directa e clara", presentando ela lesións "absolutamente compatibles" coa violación. Ten trece anos. 

Tamén lle foi ditada orde de afastamento a un presunto agresor, menor de idade, contra unha compañeira súa de centro de reforzo socioeducativo. Ela ten trece anos.
O máis sobrecolledor é o caso da menor agredida sexualmente de xeito grupal por mozos nos lavabos dun centro comercial de Badalona. Os feitos tardaron en coñecerse pese a que a nena avisou a un garda de seguridade, que non a tomou en consideración, e que circulaba un vídeo da violación, que só se destapou cando o irmán da vítima o coñeceu. Ela tiña once anos; agora doce.

Todas estas agresións xeraron absoluto rexeitamento, mais no caso da menor de once anos a familia recibiu ameazas do contorno dos agresores, tendo que contar con escolta. Non obstante, ten apoio da maioría social e o Concello de Badalona vaise presentar como acusación popular.

En 1998 tamén foi violada unha nena de trece anos en Benejúzar (Alicante) e ameazada de morte se o contaba. Ela contouno e comezou para a familia unha segunda revitimización, pois aínda que a Xustiza condenou o agresor o entorno social púxose de lado do adulto violador, a nena recibiu insultos no instituto e marchou da localidade. Cando o agresor saíu en permiso penitenciario –sen medidas de afastamento nin vixilancia– ameazou á nai da nena, que, estando en tratamento psicolóxico, mercou gasolina e queimou o home. Ela foi xulgada e condenada e pouco a pouco aumentou a solidariedade coa familia da vítima. O libro Fuego, de Gema Peñalosa, relata esta historia e reflexiona sobre o avance na conciencia social e no tratamento e acompañamento ás vítimas de violencia sexual no eido xudicial. De suceder hoxe, non estarían tan soas Verónica e Mari Carmen, a súa nai.

Comentarios