A experiencia é positiva polo xeral: colexios con baixa ratio de alumnado por mestre e situación en contornos naturais, con patios amplos e arborados onde xogar.
Dar aulas no rural adoita ser gratificante para profes e alumnado, cunha atención personalizada e actividades circunescolares relacionadas co medio, dende cultivar unha horta a visitar explotacións agrogandeiras.
Mais ser dun cole rural na Galiza colócate no gume da navalla do peche e recorte de servizos.
Este tempo, dúas loitas encabezadas por ambas as ANPAS nos colexios de Baamonde e Folgoso do Courel exemplifican un desmantelamento estrutural: entre 2005 e 2018 pecharon 215 escolas unitarias, alén da redución de aulas en colexios rurais.
O alcalde de Begonte pediu á Consellería a fusión dos dous centros educativos do Concello para dedicar o de Baamonde –cunha trintena de nenos e nenas– a escola de música.
No Courel, a cidadanía protesta polo cambio na contratación do transporte escolar, que prioriza grandes empresas e contempla microbús para o desprazamento, o que supón deixar sen emprego os titulares de furgonetas-taxis que facían o servizo garantindo menos tempo en ruta e recollida a pé das casas.
No fondo, o mesmo dilema: a falta de vontade da Xunta para garantir iguais dereitos á infancia galega en todo o territorio; a negativa a adaptar a prestación de servizos á nosa distribución espacial da poboación.
Non se trata de ter todo en todos os lugares, senón de garantir o básico no nivel administrativo esencial, porque cando comeza a cuestionarse a existencia dun centro educativo nunha localidade a bóla de neve de perda de poboación e de servizos non se detén.
Máis que deteriorar o servizo dos coles do rural, o futuro pasa por reforzalos, como espazos privilexiados para unha educación con conciencia ecolóxica.
Cómpre definir a rede de servizos públicos con accesibilidade territorial e garantir que non pechen salvo xustificación debidamente acreditada. Mil primaveras máis para os coles do rural.