Opinión

Coas mulleres iranianas

A morte da moza Jhina Amimi –nome kurdo de Masha Amimi– despois de ser arrestada pola policía moral en Teherán por levar "mal colocado" o hiyab, foi a faísca da revolta e a indignación contra o réxime do conservador Raisí.

Nas mobilizacións conflúen varias liñas de oposición que xa se manifestaron nos últimos anos en Irán, encabezadas por mulleres, moitas moi novas, que reclaman os seus dereitos e que tamén se rebelan contra a tremenda desigualdade social e a brutalidade policial que atoparon no cabelo solto un potente símbolo.

Á par que mostras de solidariedade –sobre todo de mulleres– aparecen en determinados sectores de esquerda as reticencias ante movementos sociais que se producen en estados non aliñados cos Estados Unidos, considerando que nestes as revoltas se producen instigadas pola CIA. Sen negar que as grandes potencias contemporáneas sempre trataron de canalizar os movementos internos nos estados "inimigo" –exemplo clásico son os movementos independentistas dentro dos imperios contendentes na Primeira Guerra Mundial–, e que o seguen facendo, é terrible que na esquerda se reserve para os pobos situados nun "campo" diferente ao de Washington a indiferenza e abandono ante tiranías "alternativas". 

O mundo é complexo e as opresións variadas e o movemento feminista en toda a súa amplitude e enfoques é global e imparable.

Nesta semana que amence coa máis que probable presidencia dunha fascista en Italia, cómpre lembrar que a solidariedade internacionalista entre pobos é un antídoto contra o ascenso da ultradereita, mal que hai que combater en alianzas progresistas continentais e globais. Por iso, hai que estar coas mulleres kurdas e as non kurdas do Irán e Afganistán, como coas de Qatar e Arabia Saudita, coas ucraínas contrarias á ocupación rusa, coas pacifistas na propia Rusia, co movemento feminista europeo sen postureos; acompañar movementos é escoitar e saber do seu contexto e non impor narrativas occidentais conforme á nosa visión do mundo. 

Comentarios