Opinión

Cloacas do Estado

Os audios de Villarejo referíndose tanto ao informe creado para intentar abrir causas xudiciais contra Podemos coma as conversas con xornalistas para filtrar falsidades de Pablo Iglesias demostran algo do que xa eramos conscientes: a maquinaria do deep state movéndose para evitar –sen éxito– a presenza de forzas á esquerda do PSOE no Goberno do Estado.

Ninguén ao tanto do modus operandi dunha parte da oligarquía española con complicidade no poder mediático podía acreditar daquela que o ataque furibundo contra a contorna de Podemos fora casual; o independentismo soubo na pel como actuaba a lóxica dos poderes profundos dende a Transición, por iso debera amosar solidariedade sen escusas, concórdese ou non coa liña política de Iglesias.

Pese á concentración de empresas de comunicación, o cerco mediático a forzas de esquerda non é un cordón impenetrable: hai unha ampla esfera de xornalismo e opinión pública crítica e moita circulación de información –tamén de bulos–. O antídoto contra este ataque á democracia –a conivencia de poderes mediáticos con parte do aparato do Estado, daquela, dirixido polo PP da Gürtel– non é o ataque uniformizador contra "o xornalismo", senón a defensa da liberdade de información, da profesión digna e do freo á difusión de falsidades coma unha trincheira. Alén diso, pese aos intentos de retornar o mapa político ao bipartidismo clásico, segue existindo a corrente de fondo que nos diversos pobos do Estado pula pola modernización das institucións, un sistema fiscal máis progresivo, a República, o dereito a decidir, parque axeitado de vivenda pública… Reivindicacións variadas e en diversos graos de radicalidade que non teñen por que topar eco en confluencias electorais, pero si nunha entente cordiale para evitar a resignación da suposta inevitabilidade dun Goberno presidido por Feijóo. Os audios sobre Pablo Iglesias poden ser unha oportunidade para ese acordo de base sempre que ninguén teime en usalos na enésima batalla intraesquerda.

Comentarios