Opinión

Os cipreses asasinados

Na Casa da Lama, unha casona labrega dos Guntís, na parroquia soberesa de Neiras, erguíanse até o presente século dous magnos cipreses, símbolo de status social superior destacando do resto da sociedade labrega que, aínda nos anos setenta, acudía a unha especie de "corveas" para facerlles a malla aos señores da Lama sen cobrar máis que o convite á cea que, por certo, era a peor das mallas da contorna.

Hai anos lamentei a perda desas árbores senlleiras, restos da infancia, nas que teño visto niñadas de merlos, pois a familia vivíramos uns meses de alugueiro na vella Casa da Lama –lúgubre, ventosa e ateigada de labores de gancho–, tamén ela desaparecida até os cimentos para construír unha nova vivenda. Agora entendo que a eliminación case total do solar da Lama –cal damnatio memoriae– é a vitoria democrática sobre a opresión. Unha vitoria desordenada, si, que borra tamén a beleza que puido reverterse no común ou ser rehabitada por outras xentes, e, asemade, a conclusión dun proceso acelerado e traumático de modernización do rural galego.

A mágoa non é só a caída dos cipreses ou dos señores da Lama, nin a perda dunha paisaxe "de postal", senón que o xeito de integración da Galiza no mercado común europeo e a xestión caciquil dos fondos estruturais da UE levou a desaproveitar as potencialidades de parroquias do interior galego que, como é o caso, poderían seguir abastecendo de leite a queixería próxima do polígono industrial –aínda en activo pero case a piques da creba até que a adquiriu un grupo chinés recentemente– ou impulsar novas iniciativas nunha zona fertilísima.

Alá foron xa os cipreses e os vellos muros de pedra de río, non hai volta, pero agora que hai millóns de novo a través dos fondos Next Generation magóame que, máis unha vez, o interior galego non poida aproveitalos para o renacer das comunidades, que ficarán coma o terceiro dos cipreses da Casa da Lama, que morrer non morreu, pero quedou brutalmente demoucado, coma a parroquia.

Comentarios