Opinión

Chips nos paxaros

A pandemia amosou a importancia do xornalismo de contexto, profesional, independente, que analiza con rigor os datos; do Xornalismo, con maiúsculas, en fin, ao tempo que observamos os efectos de titulares enganosos, de pseudoreportaxes científicas e da difusión masiva de medias verdades en temas de saúde pública.

Sen obviar que a concentración de empresas informativas sexa unha ameaza para a organización democrática das sociedades, cómpre ver tamén a creación de campañas de desinformación e "últimas horas" rocambolescas nesta liña: a difusión de trolas é, maioritariamente, obra de corporacións e grupos de poder.

Disparar contra "os medios" ou directamente contra "xornalistas" en xeral, sen distinción, remata por calcinar tamén aquelas liñas editoriais e persoas que máis batallan pola transparencia e a defensa de sociedades críticas e informadas. Queixarse da manipulación informativa a feito –que non afectaría a un colectivo iluminado e inmune á alienación–, non te prevé da manipulación, pode facerte caer en trampas postas por algoritmos deseñados, oh sorpresa, por quen ten pasta para pagalos. 

Creo que non podemos movernos coma hai décadas en canto á información de guerra –sabendo que a información é unha arma tamén–. Cada vez hai meirandes conglomerados informativos, si, pero tamén medios sostidos polas súas comunidades –este mesmo– e xornalistas independentes e masivo acceso á Rede, unha aliada da Democracia: a quen hai que por coto é ao negocio da información, non á circulación libre da mesma. 

Podemos apoiar xornalistas decentes, medios independentes, ler variadas fontes e puntos de vista e formar opinión crítica máis ca nunca, mesmo coa censura aplicada torpe e inutilmente. E por suposto: liberen Pablo González! Pero tamén podemos caer no clickbait facilón e na comodidade de aceptar aquelo que coincida cos nosos preconceptos, aínda que implique negar os cadáveres de Bucha ou falar de chips nos paxaros que difundirían enfermidades polo mundo.

Comentarios