Opinión

Castelao en 2021

Como cada ano, o Partido Galeguista organizou en Rianxo –este, de xeito virtual– unha homenaxe polo natalicio de Castelao, a nosa figura máis “universal”, carácter que todas as participantes destacamos.

Tal como estamos desde xaneiro de 2021, coas UCI dos hospitais públicos galegos ao límite pola Covid –e polos recortes orzamentarios–, transitando unha época de incerteza social e económica, é útil visualizar Castelao no presente. Cal sería o seu posicionamento vital e político agora?

Penso que chamaría a atención sobre a crecente perda de peso político e económico de Galiza no contexto estatal, basculado ao Mediterráneo, e reivindicaría a necesidade de meirande cooperación con Portugal.

De certo, denunciaría a situación social vulnerable das mulleres galegas, que son as máis afectadas pola perda de empregos –xa dos máis precarios– na pandemia e polo aumento da carga de coidados non remunerados.

Seguramente debuxaría con gran precisión o drama da vellez convertida en negocio nas residencias privadas co beneplácito da Xunta.

Como médico comprometido, estaría na trincheira da Sanidade pública.

Á besta fascista quizais lle pintaría outra cara e fasquía, mais seguiría –tristemente– vendo fértil o seu ventre.

As súas estampas da Galiza Mártir cobrarían novo interese nesta longa loita pola Memoria, por dotármonos de verdadeiras políticas que fagan vedade a máxima de Verdade, Xustiza, Reparación, que non dá chegado.

E nesta encrucillada ecolóxica, co espolio do noso país polos lobbies enerxéticos, que teñen ao servizo a Xunta, xa a cara descuberta, con lexislación cada vez máis favorable, quizais apelaría a unha necesaria loita transversal que se espalle por Galiza e deteña tanta rapina.

Dende logo, non é en absoluto rigorosa nin obxectiva esta selección de teimas que lle atribuímos aquí ao Castelao hipotético do século XXI, pois cada quen imaxina a personaxe dende a súa propia vivencia mais, ao cabo, esa tamén é a súa grandeza.

Comentarios