sábado 24/10/20

Caos, primeiro aviso

Unha icónica viñeta da revista Hermano Lobo de 1975 describía un orador mitineando “¡O nosotros, o el caos!”. “¡El caos, el caos” —respondía o público—. “Es igual: el caos también somos nosotros.”

Nin que tal pintada para hoxe en día.

Porque a dereita española esfórzase en provocar o caos á vez que ela mesma é a principal responsábel da febleza institucional, pois a “anomalía” española no contexto europeo –a falta dunha dereita democrática antifascista– provén da inexistente creba (tamén institucional) co franquismo.

As institucións saídas de 1978 xa estaban en crise pola falta de resposta das mesmas ante as cuestións nacionais e sociais, pero é agora cando á dereita está disposta a deterioralo todo con tal de retornar ao poder político. Por iso se desgañitan cando deben pechar Madrid pola Covid-19 namentres Ourense ten medidas restritivas análogas; por iso bloquean a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial; por iso os media nos entreteñen co culebrón de Ayuso namentres Alcoa afoga a Mariña.

Hai institucións, iso si, que a dereita pretende salvar da queima, coma a Monarquía, pero coa súa acendrada defensa non fai máis que acentuar o enorme descrédito do caduco modelo de Estado.

Un dos conflitos que atravesa o actual ciclo político co Goberno de Sánchez é a tensión por homologar o Estado español a unha democracia europea avanzada, como sinalaba Jaime Miquel en La Perestroika de Felipe VI. Un dos piares deste proceso é a modernización da Xustiza, pero tamén o avance na Memoria democrática, o aumento da presión fiscal ata niveis medios europeos, a redución das desigualdades, a modificación do Código Penal ou, dende logo, o establecemento de mecanismos de resolución pacífica – referendo– de problemas políticos.

O afondamento das desigualdades será unha proba para toda a esquerda e, no campo da dereita, fica a dúbida de se o caos será de tal calibre como para provocar a fin da lexislatura e se, nese caos, gaña quen máis odio destile.

comentarios