Opinión

Campión da concertada

Feijóo quixo quedar de pioneiro do avance na universalización do ensino 0-3 cando a realidade é que implantar a medida da gratuidade nas garderías antes de definir a rede básica deste servizo supón consolidar os fallos do sistema na Galiza: falta crónica de prazas en zonas urbanas, menor ratio de prazas públicas en áreas interiores do país, carga compartida cos concellos, desiguais sistemas educativos entre públicas, concertadas e privadas, privatización de servizos como a cociña en determinados centros, integración na área de Política Social sen conexión con Educación.

Co anuncio de Feijóo, por concretar, non só será gratuíta a estadía nas prazas públicas e as concertadas coa Xunta en centros privados, senón tamén nas escoliñas privadas, que xa viñan recibindo financiamento estable da Xunta nos Orzamentos de cada ano, ao redor dos cinco millóns de euros. O total de prazas en escolas de 0 a 3 anos no país é case de 26.000, das cales 10.383 (curso actual) son da rede autonómica, o 40%.

Así, Feijóo consolida un modelo de concerto na primeira etapa de educación infantil: cando o Goberno central regule a gratuidade e universalidade do ensino 0 a 3, a Xunta presentará unha rede que inclúe centros privados e evita ter que financiar aulas e profesionais públicas. En realidade, a medida trátase de ampliar o bono concilia xa existente (sufragar praza en centros privados ás crianzas que non obteñan praza nas públicas) e manter o modelo de negocio de empresas afíns opostas á ampliación das Galiñas azuis -mágoa de Galescolas!-. Nada novo sub sole no goberno Feijóo; nin falemos xa de medidas que eviten ter que recorrer 8 horas ao día a este servizo para crianzas tan pequenas.

Precisamos unha rede pública de Ensino no primeiro ciclo de Infantil por Xustiza -igualdade de oportunidades, acceso á conciliación- e ampliación de dereitos e cobertura social para garantir tempo de crianza e que non haxa que levar a infancia á gardería por imperativo laboral.

Comentarios