Opinión

Cambio de cita

Dicíame este verán un veciño que estivo durante o franquismo traballando emigrado nun estado europeo con ampla cobertura social que "hai xente que pensa que por ter catro perras no peto e non pagar impostos vive mellor e cando a pensión non chega e lles falta o médico, protestan".

E continuamos conversando acerca do evidente diferencial do Estado español a respecto da media europea en presión fiscal, que supón o 37,5% do PIB fronte ao 41,3%.

O debate acerca dos impostos está candente nunha Unión Europea na que até o Banco Central Europeo aposta pola suba de taxas "aos ricos" namentres o PP de Feijoo avoga por unha carreira suicida na diminución da presión fiscal, sobre todo a quen debería contribuír máis.

No medio dunha guerra que ameaza con prolongarse e chuchar fondos do Estado do benestar, cunha inflación disparada, a cidadanía sinte aínda máis na pel o que significa o deterioro dos servizos públicos.

Por moito que exista a idea de que o panorama se correu cara a dereita a nivel xeral na Unión Europea, creo que o recordo da brutal crise da Eurozona e das políticas de "austeridade", xunto coa evidencia da importancia do investimento social do Estado na crise da Covid deixou na cidadanía un "sentido común" a favor de políticas fiscais xustas. Porque, ao tempo que sobe o pan e se promoven necesarios plans de aforro enerxético, as elites continúan facendo gala de luxos comoa avións privados a calquera parte. Quero crer que non é un espellismo meu e que o feito de ter que o goberno británico recuar nos seus plans de rebaixas fiscais responde tamén ao medo da auxe do laborismo nas enquisas e dos movementos populares contra a inflación. Penso isto despois de recibir chamada do centro de saúde aprazando outro mes unha cita rutineira de control de idade de pediatría porque hai tempo que os malestares cotiáns que recibimos polo deterioro da Atención Primaria no noso País se politizaron e digo, moi ben, anoto nova data pero "tax de rich!".

Comentarios