Opinión

Botar o trigo

Hai que volver botar trigo! - comentan os veciños ao caer da tarde -. Quen máis quen menos, por riba dos cincuenta anos, lembra a veiga de Canaval sementada, nun continuo case dende Sober a  Bóveda.

A paisaxe de calquera parroquia do interior era en tempos non moi afastados a das medas amontoadas nos eidos. Non se trata de idealizar o pasado: aquela Galiza de altas taxas de poboación agraria tamén se sustentaba nun traballo non remunerado das mulleres e na emigración e as súas remesas. Mais, entre un escenario e o actual – a terciarización da economía galega -, co corte claro da entrada na CEE, puido terse chegado a un punto intermedio que non supuxera a destrución do sector primario no interior galego; que aproveitara novos xeitos de xestión para manter producións de gran calidade – caso do leite de pastoreo – e desenvolvera a transformación dos produtos agrarios.

Agora, a maioría dos ingresos en moitos concellos proveñen das pensións de xubilación, por moito que agromen novos proxectos empresariais. O groso do problema aí segue e fíxose patente coa guerra en Ucraína: a ausencia de soberanía alimentar e a perda progresiva de superficie agraria utilizada nas últimas décadas, sendo menos da cuarta parte do total do territorio, namentres as explotacións seguen a precisar terra.

Case un millón de hectáreas a matogueira cando hai que importar (datos do ano 2021) máis de 212 millóns de euros en cereais e só se exporta por valor de 15 millóns.

O complexo proceso de desorde territorial do país converteu terreos outrora produtivos en zonas urbanizadas, forestadas con especies de crecemento rápido ou directamente abandonadas.

Cuestións das que só falaba xente como Xoan Carlos Carreira están agora na mente de moitas que vemos como nun mes poden ir ao traste múltiples explotacións gandeiras que dependen de insumos ucraínos.  Hai que volver botar trigo e pensar por que percibimos o drama do posible fechamento do Instagram e aínda non o que supón non termos para facer o pan.

Comentarios