Opinión

Bombas, tetas, pandeiretas

Quixo o azar que coincidira unha escalda bélica en Europa coa fase de selección da candidatura da RTVE ao Festival de Eurovisión, que suscitou maior interese ca nunca no noso País a raíz da candidatura das Tanxugueiras, que obtiveron o recoñecemento moral de ser favoritas do público en todo o Estado.

Coincidencia tamén que unha das cancións candidatas falara dun tema tan vello como a literatura: a suposta capacidade dos valores asociados tradicionalmente á feminidade para "rematar con tantas guerras". 

Semella banal estar pendentes da votación por SMS cando poden volver caer bombas sobre chan europeo, mais os procesos de construción de identidades políticas aliméntanse destes eventos, competicións ou símbolos. Aí está a potencia do "nacionalismo banal" na construción do patriotismo estatal.

É plenamente humano e humanista emocionarse coas nosas artistazas sobre o escenario; é marabilloso e síntoma de democratización asistir a debates variados nas redes sociais sobre a simboloxía do vestiario das participantes ou o carácter político dunha ou doutra proposta. 

Engadindo ideas peregrinas, non puiden evitar considerar a ansia por intentar ter voz e voto no Festival de Benidorm coma unha catarse ante a imposibilidade de poder decidir en tantas esferas, como a da guerra. Porque dá a sensación de que pouco importa facer posicións de golpe en peito a prol da soberanía da Ucraína ou asinar manifestos anti-OTAN cando é sabido que basicamente poderán decidir nesta partida os Estados Unidos, Rusia, China e, menos, Francia e Alemaña.

Finalmente, como na política internacional, tamén estaba o peixe vendido previamente no concurso musical, mais a aposta de innovación dende as raiceiras da música tradicional representada por Terra, impecable desde o punto de vista vocal e escénico, xa triunfou amosando, oxalá, esperanza de futuro dunha Galiza dona de si. E, por que non, quizais as pandeiretas, a música, -tema tamén ben antigo-, poidan ser un instrumento antibelicista.

Comentarios