Opinión

Batallas xeracionais

Detrás das queixas xenéricas sobre os males da mocidade soe haber clasismo e conservadorismo, entendido como a incapacidade de mudar esquemas conceptuais ou crenzas asentadas. Vivimos nun mundo en constante mudanza e que xera incertidume, ante a cal unha das actitudes é aferrarse a regras, verdades ou esquemas pretendidamente universais, sexan relixiosos, políticos ou culturais. "Un lustro dos nosos días equivale a un século dos nosos avós" é unha sentenza de Abad de Santillán de 1970 que podería reformularse hoxe só con reflexionar sobre o nivel de cambios globais da última década.

Que hai conservadorismo nas leas xeracionais e na narrativa nostálxica é obvio, mais tamén o clasismo, pois é evidente que a mocidade post-Gran Recesión pacede niveis de pobreza, precariedade laboral ou dificultades de acceso á vivenda meirandes que as xeracións anteriores.

Ante as queixas de certa esquerda sobre a suposta menor conciencia social e nacional da mocidade galega actual cómpre contrapor o nivel socioeconómico xeral de ónde proveñen ditas críticas fronte a situación maioritaria de mozos e mozas, inmersas na quinta gran ola migratoria da historia da Galiza (Isidro Dubert sinala que comeza a mediados da década dos 2000), con relación directa na falta de emprego especializado no País.

Neste sentido, Barbara Ehrenreich en Fear of Falling, sinalaba en 1989 que a reacción violenta contra o movemento estudantil viña de parte dunha clase media recentemente ampliada que se sente ameazada (citada por Petersen en No puedo).

Non creo que a solución á batalla xeracional sexa o adanismo quincemeiro que deostaba a militantes maiores, senón a solidariedade e empatía das xentes de diversas xeracións arroiadas polo mesmos monstros do desigual reparto da riqueza e da mudanza climática.

Xa o dixeran hai cen anos Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro: "Os vellos son os que escreben hoxe como si vivisen n-o antonte d´os séculos".

A cuestión non é a idade, senón ter a mente aberta e o corazón limpo.

Comentarios