Opinión

Batallas pola Historia

A Historia foi sempre terreo de disputa, mais ultimamente o número de representantes políticas metidas a historiadoras abafa polo tufo a neoimperialismo que queda no ambiente.

Lembrou Lourenzo Fernández Prieto como a obsesión polo relato do pasado chegou ao paroxismo con Esperanza Aguirre de Ministra, que quixo impor o xeito de ensinar a Historia.

A Historia, esa ciencia, complexa e sometida a métodos rigorosos de análise, mais, como sucede en campos como a Medicina, na que proliferan pseudoestudos, libros con aparencia de seriedade e difusión de tópicos que calan en moita xente, axudados por gran parte do aparato estatal. É desesperante como entre as obras “de Historia” máis vendidas se atopen as de Pío Moa, especialista no revisionismo acerca da II República e Guerra Civil. Mais calquera tempo pasado é obxecto de cobiza: o relato da expansión española de América é fértil para a nostalxia imperial. Asúmense un a un os mitos creados polos propios conquistadores para gañar o favor real ou apélase a un suposto destino histórico para acadar a milagre da “mestizaxe”. O pasado, así, é un lugar refuxio nos momentos de suposta incerteza e perigo para a “patria”, e o fascismo e neodereita española así o practican, pois tanto PP como Vox apelaron a unha suposta “liberación” das indíxenas americanas pola “civilización” española.

O curioso é que estas interpretacións tradicionais da Historia de España, aínda en moitos programas educativos, son presentadas de xeito vitimista, argüíndo que “se borra o pasado” ou que as visións profesionais son as ideoloxizadas: o mundo ao revés tan cómodo ao populismo fascista que se presenta como vítima dunha suposta conspiración antiespañola.

Este clima domina este ano a celebración do 12 de outubro. Para esconxuralo: debates, lecturas e divulgación atractiva da Historia. Eu vou probar este mes con Los nuevos odres del nacionalismo español, de Pablo Batalla Cueto, e Suspiros de España: El nacionalismo español 1808-2018, de Xosé M. Seixas

Comentarios