Opinión

Autónomas da Xunta

Imaxina traballar prestando un servizo público esencial pero non poder enfermar se queres manter un nivel de ingresos aceptable; imaxina ter que asumir os custos dos gastos correntes para a prestación do servizo, así como do material e das substitucións de persoal que sexan necesarias, porque o servizo público debe prestarse practicamente todo o ano, cinco días á semana.

Imaxina que por quedar embarazada e coller o permiso por maternidade reducises ingresos porque tes que contratar a quen te substitúa, que terá que ser máis dunha persoa porque o convenio laboral que se aplica no sector no que traballas garante máis dereitos laborais que os que ti tes.

Este sen sentido é o que sofren as traballadoras nas Casas Niño da Xunta. Elas son autónomas, pero só teñen un cliente, a Administración, que lles paga unha prima pola prestación dun servizo –atención de 0 a 3 anos en municipios pequenos sen outros recursos de conciliación– que debe manterse aberto de luns a venres, salvo festivos, cun só mes de vacacións.

Da prima recibida –21.560 € anuais– debe saír o salario, cotas da Seguridade Social, material e gastos correntes da Casa Niño, ademais da contratación de persoal substituto en caso de enfermidade ou calquera ausencia. Co cal, o que queda para estas persoas –cuxos ingresos dependen totalmente da Xunta– é inferior ao salario mínimo cada mes.

Así, a Xunta sustenta un servizo público que debera ser esencial nos lombos da precariedade das mulleres do rural, cualificadas de "emprendedoras", cando o que son é explotadas e superviventes.

É unha mágoa, porque os proxectos de Casas Niño ofrecen unha atención personalizada á infancia e as traballadoras son profesionais do Ensino Infantil, mais as súas condicións laborais non se corresponden con esta circunstancia. A Xunta prefire así crear "falsas autónomas" no rural –tamén seguen o modelo as Casas do Maior– antes que aumentar investimento e dignificar as condicións laborais nos servizos públicos.

Comentarios