Opinión

As do ibuprofeno

Levo toda a vida á espreita das conversas de mulleres galegas – das distintas parroquias de Sober, por dicir a verdade - dun abano amplo entre os trintaepico e setentaemoitos como para poder determinar dous temas centrais que se repiten, malia o paso do tempo: a dor e o coidado.

Cal colegas compartindo o relato de esforzo tras a xornada laboral – só que sen horarios establecidos, – así os faladoiros en torno a mesas de café ou bancos á sombra derivan, invariablemente, nalgún intre, ao cansancio e ás enfermidades musculoesqueléticas varias.

De nena escoitaba en silencio, con certa raiba por comprobar que se perfilaba ante min un mundo no que imperaba a división sexual do traballo, mais tamén coa tenrura de ver tecer sólidas redes de apoio mutuo.

Agora, que podo comprender que os cócteles preferidos na trintena non son os pijos cosmopolitan das series neoiorquinas, senón un combinado de ibuprofeno en sobres ou comprimidos, segundo cada quen, consigo tamén abstraerme dos detalles e atender ao marco xeral.

Resulta que a dor ten unha clara compoñente de xénero, ademais da de clase. Como analiza Carme Valls Llobet en Mujeres: invisibles para la medicina (Capitán Swing, 2020), a dor de todo tipo ten unha maior prevalencia no sexo feminino mais, en cambio, na diagnose dos padecementos, especialmente da dor muscular e o cansancio xeralizado, sobrediagnostícase ás mulleres de psicopatoloxías, recibindo o sexo feminino o 85% dos psicofármacos que se receitan (datos achegados pola autora). Alén dunha patoloxización do envellecemento ou a escasa abordaxe global da saúde na maternidade.

A solución é política: abordar a dor feminina nas súas causas estruturais, non ignorar ás mulleres na investigación nin na aplicación dos diagnósticos da enfermidade, aumentar o orzamento e persoal da Atención Primaria de Saúde e da Saúde Mental.

En fin, camaradas do ibuprofeno, convertir os parladoiros en Parlamentos.

Comentarios