Opinión

Arte e clima

A vaga de accións de activistas climáticas en museos, danando cadros canónicos e recoñecidos pola sociedade, levantou innumerábeis críticas.

Non é unha acción que axude a empatizar coa causa do ecoloxismo a xente non concienciada e ten derivadas perigosas como provocar unha menor accesibilidade ao patrimonio público, mais detrás da airada (e, ao meu ver, sobreactuada) reacción por parte de quen frecuentemente nin se preocupa pola arte nin, dende logo, polo planeta, tamén indica que a sobreexposición mediática destas accións sucede tamén para desprestixiar o activismo climático. Un activismo de xente moza que, lembremos, tamén está a boicotear saídas de avións privados e a evidenciar a relación directa de cambio climático e desigualdade social.

Non simpatizo coa acción concreta, pero non me sae insultar e ridiculizar as persoas que a fixeron, porque esa xente moza asumiu un risco protestando, por unha causa xusta, con accións que son delito e que desafían a orde moral imperante e a propia concepción da arte. Que facemos con artistas que destruíron a súa propia obra? Que destrucións de arte son vandalismo e cales iconoclastia e creación a partir da destrución?

Esta semana, que comeza a Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (a 27) en Exipto, cómpre lembrar as conclusións do último informe de avaliación sobre o cambio climático, sobre os efectos do aumento de 1,5ºC na temperatura global a respecto dos niveis preindustriais.

Para evitar sobrepasar o limiar deste quecemento, que sería crítico para a humanidade, "hai que diminuír as emisións globais de CO2 moito antes de 2030", con "reducións profundas e inmediatas" en "todos os sectores". 2030: durante o curso de oito anos.

As accións sobre os cadros non sei se axudan ou non a pór o foco nesta cuestión esencial, mais cebarse na crítica ás activistas climáticas que alertan do meirande desafío para a humanidade non está do lado das solucións.

 

Comentarios