Opinión

Aparcar as nenas

Suscitou polémica unha proposta de abrir moitas horas ao día os colexios (en Madrid, como non), de cara a usalos como recurso de conciliación, porque pon sobre a mesa a contradición que supón ter que adaptar a vida a xornadas laborais longas, en lugar do contrario.

Na Galiza xa existen alongamentos de xornada no colexio –programas "concilia", como se chama en Sober, ou "madrugadores"– para permitir a pais e nais traballadoras por conta allea a xornada completa deixar as crianzas a tempo para chegar a traballar. Mais o problema de fondo é a imposibilidade de coidar a descendencia sen ter unha rede familiar ou de amizades; o absoluto abandono das familias monoparentais –mulleres, na maioría– e a indefensión e condena á miseria que supón ser nai soa sen algún tipo de traballo fixo que garanta dereitos laborais como os permisos ou a redución de xornada. Porque esta sociedade non solucionou a cuestión esencial que son os coidados. As persoas precisamos atencións doutras durante toda a vida, nomeadamente na infancia e na enfermidade, pero son unha esfera non remunerada nin recoñecida a nivel social, asumida polas mulleres en gran maioría –acentuado pola pandemia–.

Ter fillas agranda a fenda salarial entre homes e mulleres porque non hai aínda corresponsabilidade, pero, sobre todo, polas características dun sistema laboral que obriga a facer horas extra, non reducir xornada nin ter xornadas concentradas e que reserva os peores empregos para as mulleres.

Para moitas é obvio que hai que traballar menos, mais, namentres, certo é que non podemos tachar de "aparcanenos" a quen recorre a moitas horas de gardería ou quere ter colexios abertos porque para elas reducir xornada non é unha opción por vivir instaladas na precariedade.

A solución, como en tantas cuestións, é redistribución de rendas, programas públicos de protección social potentes e redución da voráxine produtora.
Quizais debamos aprender, precisamente, da infancia e reclamar tempo para poder "perdelo".

Comentarios