Opinión

Alicerces do mundo

As minhas mãos colocaram pedras
nos alicerces do mundo
mereço o meu pedaço de pão.

Estes versos de Agostinho Neto preséntaseme como evocación desas mans que alicerzan o mundo e das que valoramos a súa presenza, precisamente, cando percibimos a súa falta.

Sucede no Reino Unido post Brexit, onde unha das causas da escaseza de carburante é a falta de transportistas polo endurecemento das condicións de entrada de persoas; mesma falta de traballadoras que sofre a industria alimentaria e que motiva o desabastecemento nos supermercados. O que traslada esta situación non só compete á Gran Bretaña, apela tamén á Unión Europea, que non resolveu un dos seus vicios de orixe segundo o cal, nos estados prósperos, os sectores económicos con condicións laborais precarias dependen dun mercado de traballo que se nutre da explotación de migrantes comunitarios, do leste, fundamentalmente.

É algo evidente no sector agrario, con redes de explotación de migrantes, como sucede na Terra Chá coa empresa Surexport, que organiza circuítos de persoas desprazadas a traballar nos distintos lugares con presenza desta agroindustria, con longas xornadas laborais e salarios ínfimos, alén de condicións de alimentación e habitabilidade denigrantes.

A combinación do avellentamento demográfico, estacionalidade e aposta institucional pola grande industria agraria leva a que se asente este modelo, contrario tamén á sostibilidade ambiental. Na DO Ribeira Sacra, esta vendima recorreuse a empresas de contratación de migrantes para cubrir o persoal necesario para a colleita, sen que faltaran as tópicas explicacións sobre a suposta existencia de masas de xente que non quere traballar.

O foco ha de estar nas mans que alicerzan o mundo. Como queremos que se produzan os alimentos que precisamos e se organice a súa distribución, de quen queremos depender? Quen merece o “pedaço de pão”: deixamos o poder na agroindustria ou nas institucións e nas mans das persoas que colocan as pedras dos “alicerces do mundo”.

Comentarios