venres 18/06/21

Aldeas en venda

O titular que deu a Xunta sobre “vender aldeas” é unha metáfora das políticas do PP: o Goberno vendendo o país a anacos. A realidade é máis complexa e ameazante.
O problema non é que a Xunta facilite o contacto entre persoas propietarias e posibles interesadas en adquirir vivenda rural para rehabilitar, o que preocupa son as políticas previas que nos levaron a esta situación de abandono masivo de núcleos e que non só non se rectifican, senón que se afonda nelas.

A falta de articulación dos servizos e infraestruturas no territorio é a gran responsábel da magnitude do fenómeno de baldeirado do interior galego –fenómeno, por outra parte, común ao mundo rico capitalista–. Pero, o que máis preocupa é o proxecto de futuro: resérvase gran parte do territorio para a explotación dos seus recursos por grandes empresas e, o que quede, dáse por entendido que se orientará ao turismo.

Un país desenvolvido ten un sector turístico desenvolvido, non é malo que estea a medrar no interior galego, con proxectos ben interesantes e de valor engadido; a desgraza é que non o fai nunha economía integrada, senón brotando como illas no territorio. Así, unha economía pouco diversificada –turismo, espolio enerxético, pensións– será vulnerable ante as crises e non servirá para evitar a migración por motivos laborais.

Pero, o que máis contrasta é este labor inmobiliario da Xunta coa ausencia de políticas públicas que interveñan o mercado de vivenda para garantir un teito a quen o precisa.
Ademais, faltan outros “detalles”: que van facer para corrixir o desastre en que está convertido o Catastro? Como garantirán a limpeza de fincas colindantes? Que ideas e proxectos para a enorme crise de coidados que avanza nos municipios máis avellentados?

Comezan a casa polo tellado porque non teñen outro fin máis que deixar levar o noso país pola perda de peso no conxunto do Estado, cunha economía baseada no espolio da natureza e os servizos low cost. E si, aldeas pistonudas para quen as poida mercar.

comentarios