Opinión

Agosto do 36

Somos un pobo co calendario de agosto inzado de cruces; unha patria cos campos de concentración a flor de pel tostada ao sol sobre os iates que navegan na contorna de San Simón; o país da Memoria atragoada que perdeu nun verán os luceiros humanos de varias xeracións.

Asasinados polo feito de existir, por representar os soños dun mundo novo, a arela de transcender os roles asignados a cada quen na sociedade tradicional que xa non era a que Igrexa, Exército ou Alta Burguesía reaccionaria concibían como única posible.
Logo do golpe de Estado e tras tomar Galiza en poucas xornadas as forzas sublevadas, activouse en agosto o plan xenocida en toda a súa dimensión.

Jesús Casas, labrego do Incio, aparecido morto o 6 de agosto, Francisco Ballón, redeiro na Coruña, o día 9, Carmen ‘A Capirota’, lavandeira de Marín, asasinada o 18, igual que Juana Capdevielle, bibliotecaria, Ánxel Casal, o impresor alcalde de Santiago, o 19, coma María Vázquez, mestra de Miño, Manuel Díaz, zapateiro de Monforte, o 25... Tantos e tantos centos de “nomes e voces” silenciadas en 1936 e máis despois.

Un agosto que debera ser de Memoria antifascista para as institucións, tal como se aprobou nos plenos das Deputacións de Ourense e Lugo –aquí, sen os votos do PP–, instando a Xunta a institucionalizar o Día da Galiza Mártir, 17 de agosto, asasinato de Alexandre Bóveda.

Namentres, agosto é xa o mes da loita contra a impunidade na conciencia cívica das múltiples asociacións e xentes que entenden que o porvir en liberdade esixe xustiza con quen padeceu pola súa causa.

Agosto é tamén o do día nacional festivo previo aos ritmos de vacacións marcados polas sociedades contemporáneas; o agosto das festas da "Nosa Señora" de innumerables nomes o día quince, nun ciclo sen fin que en 1936 tronzou por décadas tantas familias.
Agosto de morte e festa que será de esperanza cando, anuladas as sentenzas franquistas, se celebre con toda a solemnidade institucional a lembranza das vítimas da barbarie.

Comentarios