Opinión

Afondar no malestar

Albíscase optimismo no horizonte da pandemia ao compás da vacinación cando nos facemos conscientes o groso da cidadanía de como aumentaron problemas relacionados coa saúde mental, especialmente entre as persoas mozas. Como todo, esta situación ten unha compoñente de xénero e de clase: as mulleres fomos as máis propensas á ansiedade e depresión, e estes trastornos foron o dobre de frecuentes entre as persoas que se autoidentifican como clase baixa, fronte ás de clase alta.

A un sistema sanitario esgotado no seu compoñente humano súmanse os escasos recursos na área de Saúde Mental e unha Atención Primaria saturada e con dificultades de acceso, polo que o malestar se vai acumulando. 

É triste pensar como determinados problemas crónicos se resolverían con prevención e atención dende o nivel básico, de contar con centros ben dotados de persoal, ademais dos servizos de Psicoloxía, Fisioterapia e Traballo Social. A situación actual impón que, se tes cartos, pagas para unha atención psicolóxica regular, reparar problemas musculares ou xa nin falemos da inxustiza que supón non contar con servizo universal de Saúde Bucodental.

A incerteza de non poder pagar por ir sandando os pequenos problemas de saúde vai afondando nun malestar que derivará en enfermidades máis graves e mortes prematuras. É frecuente escoitar a xente farta destes meses de pandemia dicir que non poden permitirse a depresión: de haber un acceso sinxelo á atención en Saúde Mental frearíamos moitos dramas persoais que xa son un mal colectivo.

Mais non se albisca na Xunta un cambio de actitude, pois o plan que se lle ocorreu ao Sergas foi recorrer aos plus de produtividade en función da porcentaxe de presencialidade acadada, como se o problema fose dunhas profesionais médicas desbordadas en moitos casos. Búscase enfrontar a pacientes e persoal sanitario cando a responsabilidade é dunha Administración que non dota a Atención Primaria dos medios que palíen este afondamento social no malestar.

Comentarios