Opinión

Adianto electoral galego?

Pese á propaganda, o relevo de Feijóo á fronte do PP galego e da Xunta non foi unha balsa de aceite. Que Rueda vaia ser, seguramente, o candidato nas vindeiras eleccións galegas quizais estea resolto –ou non–, pero non sen roces nin futuras batallas polas listas.

A cita ordinaria coas urnas para o Parlamento da Galiza sería en 2024, remate da XI Lexislatura, mais comeza a barallarse no seo do PP –segundo fontes internas– a posibilidade dun adianto dos comicios autonómicos facéndoos coincidir coas Eleccións Xerais.

Primeiro, cabe saber se estas se adiantan ou non. De non ser así, a XIV Lexislatura do Congreso remata en decembro de 2023 –o Presidente Sánchez xa fixou como tope o día 10, evitando a posibilidade de ampliación de prazo até inicios de 2024–. Tanto o Real Decreto de convocatoria de eleccións xerais coma o Decreto de convocatoria das autonómicas deben fixar a data entre o quincuaxésimo cuarto e o sesaxésimo día posterior á propia convocatoria, polo que é posible que o Presidente da Xunta, de ser o caso, non desvele a convocatoria anticipada de eleccións até que Sánchez convoque.

As implicacións electorais desta coincidencia son imprevisibles. Funcionará o dualismo no voto Xerais-Autonómicas? Favorecerá a posible entrada de VOX na Cámara galega? Penalizará ou favorecerá ao PSOE e ao espazo político da antiga Galicia en Común, con dificultades para medrar ou entrar no Parlamento galego? E o nacionalismo: aproveitará a coincidencia para ampliar a presenza nas Cortes cunha proposta ampla na liña dunha previsible campaña autonómica centrada no acceso á Presidencia da Xunta?

O escenario ten dificultades para o soberanismo, na medida en que a política se fixo cada vez máis centralista e o foco dos grandes partidos está posto na Moncloa, centro de operacións da xestión dos fondos Next Generation, mais tamén ten a oportunidade de ter forza e decisión nun escenario estatal que continúa inestábel. O reto require intelixencia, audacia e pluralidade real.

Comentarios