Opinión

Acelerador de vídeos

Souben hai pouco da función que permite aumentar a velocidade dos vídeos –do mesmo xeito que se pode multiplicar por 1,5 ou 2 a velocidade dos audios de WhatsApp–, e mesmo comentaron nos telexornais que xa hai xente que ve así series, para chegar canto antes á ultima tempada.

Desconcertoume sempre pensar que xamais se poderían visualizar as horas de vídeo xa subidas a YouTube. Cada día (datos de 2019) visualízanse unhas 100.000 millóns de horas de vídeo nesta plataforma, que é referencia para a divulgación política e empresarial. De feito, nestes ámbitos, cada vez triunfan máis os formatos de vídeos cortos, sendo TikTok a rede social que máis rapidamente medrou e, xunto coa propia YouTube, a que máis persoas mozas usuarias ten. Cada minuto sóbense a esta última plataforma 500 horas de vídeo! Non hai ollos para tanto contido.

Mais a velocidade da reprodución non está tanto relacionada coa inmensidade da produción audiovisual, senón, sobre todo, con esa pulsión por atrapalo todo, por empaparse das últimas novas, das conferencias e análises, mesmo dos formatos de lecer como quen consome compulsivamente pipas de xirasol.

Podemos saber ao instante cando dimite a Primeira Ministra do Reino Unido; podemos ver en directo a competición entre a duración do seu mandato e a frescura dunha leituga e, esa mesma tarde, xa teremos máis horas das que poderemos abarcar de análise política subida á rede.

Neste contexto, a atención dispútase nos primeiros trinta segundos, sexa para vender pasta de dentes como para presentar unha alternativa política, pero isto tamén sucede con elementos que esixen, por definición, pausa e tempo, sexan ensaios de antropoloxía ou películas de culto.

Fluír na velocidade do avance rápido dos vídeos coma se fora todo etéreo cando, na realidade, esa proliferación de contido audiovisual e as visualizacións en streaming consomen cantidades de enerxía incompatibles coa biosfera. A lentitude será o futuro, lonxe desta voráxine.

Comentarios