Opinión

A ningunha parte

O pasado mes de novembro Singapur lanzou un proxecto piloto destinado a recuperar o sector turístico en plena pandemia: fretar buques con destino "a ningunha parte". Literalmente. O produto turístico incluía partir da cidade-Estado asiática cara ao océano, sobre as máis profundas augas, sen atracar en porto ningún, para "gozar" da travesía cos luxos dun típico cruceiro.

Non foi algo único: tamén varias compañías aéreas –todas asiáticas– levaron adiante voos sen destino, cos seus carísimos billetes e a súa enorme pegada ecolóxica. Poida que esteamos non xa ante unha metáfora, senón ante a descrición exacta do dilema dun sistema económico que precisa que macrocidades flotantes, lesivas para os ecosistemas mariños, produtoras de contaminación, sigan navegando, sen rumbo, para manter a maquinaria a punto, para que non se afunda o sector. Comercializar o feito de ir, de moverse, o rodar e rodar, que xire a "roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia". Lonxe nos queda a aspiración de que esta crise sanitaria reorientara o modelo socioeconómico a parámetros xustos e sostibles. "Sairemos mellores", dicían; dicíamos.

Seguimos rumbo a "ningunha parte", tamén cun Goberno galego incapaz de promover unha posición de país que oriente en que investir os fondos europeos, tratando de maximizar o seu efecto con proxectos innovadores e sostibles. Pola contra, semella que imos volver ver pasar "cartos de Europa" pola porta, apoiando proxectos –quer forestais, quer enerxéticos– de quen depreda o territorio. Por que non investir en deseñar o modelo de atención á terceira idade do século XXI? (Só por poñer unha das máis urxentes necesidades).

Poida que pase esta pandemia, pero a ameaza climática continúa, xunto coas máis que posibles novas enfermidades víricas á espreita, así que, ben mirado, somos toda a humanidade a que vai nese buque "a ningunha parte".

Comentarios