Opinión

A memoria recente

Foi tan intensa a última década que episodios como o do 11 de marzo de 2004 semellan do século pasado, mais forman parte da memoria recente e presente.

De feito, moitas das dinámicas estruturais da política actual poden rastrexarse naquel acontecemento.

Decátome vendo o documental 11M, Terror in Madrid, de José Gómez (2022), que explora tanto o lado humano da traxedia como analiza os feitos con contexto.

Daquel tempo aínda lembro o paso da dor á indignación polas mentiras dun Goberno por manterse no poder.

Pese a que tras a cadea de atentados pronto a investigación se dirixiu á pista xihadista, nas reunións gobernamentais de crise –que excluíron o director do CNI– o Goberno saíu firmemente a defender a autoría de ETA, mesmo chamando persoalmente o presidente Aznar a directores de medios de comunicación. Mais as evidencias en contra volvíanse terminantes, tanto polo modus operandi, o tipo de explosivos e a reivindicación do masacre por parte de Al-Qaeda.

Malia isto, o Goberno seguía mantendo que a liña principal era a autoría de ETA, cuestión que motivou mobilizacións contra o PP –as primeiras convocadas masivamente vía SMS–. Na memoria popular estaba o frontal e masivo rexeitamento á invasión estadounidense do Iraq o ano anterior, á que España se sumara invocando a "seguridade".

Malia que esta asociación era obvia e a participación nesa guerra á marxe do mandato da ONU aumentou o foco terrorista sobre o Estado español, a decisión de atacar Madrid tomouse en 2002, posiblemente por vinganza ante o desmantelamento da célula madrileña de Al-Qaeda en 2001, e non tiña que ver cos comicios.

Mais o PP, tras perder as eleccións, sostivo, xunto con medios da dereita, unha perigosa teoría da conspiración –provocou mortes– que sinalaba a participación de policías ao servizo do PSOE para provocar un cambio de goberno. Non esquezamos que o PP actual e certos medios invocan a ilexitimidade do Goberno de coalición e inventan e alentan o que cumpra para derrubalo.

Comentarios