Opinión

'A asistenta'

A serie A asistenta, inspirada no libro homónimo de Stephanie Land, conta a historia dunha moza nai dunha nena de tres anos que debe sobrevivir limpando casas tras abandonar unha relación abusiva. A ficción audiovisual presenta como determinadas situacións levan á pobreza e á depresión, exemplifica o círculo tóxico no que se pode converter a violencia machista e sinala os costuróns do “soño americano” coas exiguas e complexas axudas sociais ou o emprego ultraprecario. Fronte o mito do xenio individual que supera adversidades, a realidade de que non existe igualdade de oportunidades e un alegato a favor da mellora dos salarios e axudas ás persoas en dificultades. A autora do libro sinala que non quere inspirar coa súa historia de superación porque é unha anécdota: “unha nai solteira nos Estados Unidos ten que gañar 33 dólares por hora para saír do sistema de axudas. Agora mesmo loitamos polo salario mínimo de 15 e o normal é cobrar 10”. 

A realidade das, maioritariamente mulleres e en gran porcentaxe migrantes, empregadas do fogar de xeito precario merece máis relatos coma este. Estiveron nun “guetto laboral”, sen dereitos homologados ao do resto dos sectores profesionais, sen dereito ao paro, podendo ser despedidas sen razón e en calquera momento, sen ter recoñecidas enfermidades laborais. Iso sen contar que aínda persiste gran número de persoas traballando sen cotizar. Non foi ata este ano 2022 que o Congreso ratificou o Convenio 189 da OIT que iguala os dereitos laborais do sector do traballo no fogar co resto das asalariadas e, aínda así, queda moito para facelo efectivo, tamén na Galiza, onde a maioría son mulleres, máis da metade maiores de cincuenta anos, con gran porcentaxe de migrantes. 

Asistentas -palabra que, como sinala Clara Serra, en nesgo machista e clasista, nunca a RAE tivo problema en usar en feminino, fronte a médica ou avogada-: a forza da súa crecente organización colectiva vai mellorar a vida e dereitos laborais de todas as persoas.

Comentarios