Opinión

De muiñeiros, ladróns e saias escocesas

Logo de ler neste xornal a campaña que se está a dar en change.org en prol de que o primeiro ministro Cameron cubra o baleiro de Escocia con Galiza se os celtas do norte se independizan do Reino Unido tras o referendo de 2014, propúxenme darlle unhas voltas ao asunto e ver as posibilidades da petición sobre o terreo. Vaia por diante que non me fixo chisca de gracia o asunto xa que a pesares de toda a estabilidade laboral que me arrodea nesta segunda incursión migratoria na illa, hai algo que teño claro: non quero morrer aquí.

Logo de ler neste xornal a campaña que se está a dar en change.org en prol de que o primeiro ministro Cameron cubra o baleiro de Escocia con Galiza se os celtas do norte se independizan do Reino Unido tras o referendo de 2014, propúxenme darlle unhas voltas ao asunto e ver as posibilidades da petición sobre o terreo. Vaia por diante que non me fixo chisca de gracia o asunto xa que a pesares de toda a estabilidade laboral que me arrodea nesta segunda incursión migratoria na illa, hai algo que teño claro: non quero morrer aquí. Pero a fin de contas, que sei eu de movementos xeo-políticos ou de estratexias macroeconómicas ou da cesión dos sentimentos en troques da supervivencia? Nada. O mesmiño que calquera outro emigrante.

"Que as nosas posibilidades medran á par do SI e de seguro a tal altura xa haberá solidarios promotores da construción a apalpar o terreo para unha nova urbanización exclusiva en San Caetano".

Foi por iso que me somerxín de cheo en eruditas disertacións que falaban moito e moi alto dun NON escocés pero que cada día que pasa diminúen o ton para mesturalo cun futuro incerto que atemoriza a propios e alleos por inesperado, previamente endiañado e novidoso. Así que ollo, que as nosas posibilidades medran á par do SI e de seguro a tal altura xa haberá solidarios promotores da construción a apalpar o terreo para unha nova urbanización exclusiva en San Caetano. Que terá a súa historia e tal, pero diante do edificio do Parliament non hai quen gañe.

Semella que é hora do seguinte paso, e que mellor que ir adquirindo algunhas propiedades no novo reino como toma de contacto? Pero non calquera terra de labranza baldeira, non; nin unha desas aldeas abandonadas que só arrincan suspiros a románticos morriñentos dun mísero pasado. Desas temos abondo e ata as regalamos. Velaquí a oportunidade que estabamos agardando! Imos darlle o empurrón definitivo á inigualable xeografía galega engadíndolle outra ría e unha illa con faro incluído. Todo moi noso.

A primeira das operacións ronda os £10m, pouca cousa se temos en conta que se trata da vila costeira de Bantham no condado de Devon, ao suroeste inglés. A ría xunto coa meirande parte das edificacións, terras e praia salvaxe pertenceron durante xeracións a unha familia orgullosa de preservar con celo tan belida posesión. Mais segundo o ruxe-ruxe que abanea estes días o mercado inmobiliario, mudaron as tornas na súa orde de valores e as i-fortunas deste i-mundo bulen ávidas doutra presa coa que acalmar os seus i-egos.

 "Para aqueles que estrañen as Highlands veña Ancares e Courel, para os morriñentos da gaita un duplo CD cos grandes éxitos de Avelino Cachafeiro e para os amantes do whisky o verdadeiro ouro negro galego: licor café".

A segunda adquisición non chega aos £2m, xa contando coa rebaixa do prezo orixinal. Trátase neste caso da illa Ailsa Craig na ría de Clyde a uns dezaseis quilómetros da costa escocesa. Concordaredes comigo que esta propiedade suporía unha das claves a favor de Galiza para que Cameron acepte anexarnos, pola súa situación ideal para facerse xestos obscenos entre os gardacostas dun e doutro lado máis que nada. Ademais xa temos sobrada experiencia no tipo de negociación que require esta compra. Unha rocha volcánica, fogar dunha fermosa colonia de mascatos, cun faro e un forte militar en ruínas construído para defenderse dos ataques de Felipe II, un pasado como refuxio de católicos ao longo da Reforma Escocesa e propiedade dun marqués. Non nolo podían poñer máis fácil. 

Total, que lle vexo futuro ao asunto e se cadra cunha boa ampliación de Sanxenxo logremos convencelos definitivamente, pois de todos é sabido a falta que ten esta xente de luz e un algo de sol de cando en vez. O da saia tampouco sería problema, que fai Inditex unha chamada a Vietnam, por exemplo, e envíannos trescentas mil co tartan desexado ao día seguinte. E para aqueles que estrañen as Highlands veña Ancares e Courel, para os morriñentos da gaita un duplo CD cos grandes éxitos de Avelino Cachafeiro e para os amantes do whisky o verdadeiro ouro negro galego: licor café. Non máis loitas infindas por decretos plurilingües, inglés para todos e Galician gaélico para cantar a Rianxeira. E un 25 de Xullo como está mandado, pobo, deus e reino emocionados ao unísono namentres Sabela Segunda se peneira orgullosa ao compás do botafumeiro en Santiago.

Igual paga a pena probar, aínda que mudar de muiñeiro para non mudar de ladrón ... 

Comentarios