Opinión

O ovo ou a galiña

Vía twitter o Colexio de Xornalistas de Galiza chama a apoiar“a campaña para levar a supresión dos bloques electorais en Estrasburgo” impulsada conxuntamente co Col·legi de Periodistes de Catalunya, que leva anos denunciando que os bloques electorais son unha “imposición” recollida na Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral “que vulnera o dereito dos cidadáns a ser informados libremente e sen imposicións políticas”.

Vía twitter o Colexio de Xornalistas de Galiza chama a apoiar“a campaña para levar a supresión dos bloques electorais en Estrasburgo” impulsada conxuntamente co Col·legi de Periodistes de Catalunya, que leva anos denunciando que os bloques electorais son unha “imposición” recollida na Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral “que vulnera o dereito dos cidadáns a ser informados libremente e sen imposicións políticas”. 

"Os Colexios recollen protestas de xornalistas dos medios públicos en denuncia da manipulación informativa que sofren. Manipulación que vén condicionada pola composición das direccións dos servizos informativos"

O Col·legi entende –e á vista de que o Colexio de Xornalistas o acompañou na presentación de demandas en todas as vías xurídicas españolas tamén- que isto é contrario ao artigo 20 da CE porque “a proporcionalidade acaba coa imparcialidade”. Fronte a isto, afirman que “debe prevalecer o criterio xornalístico por enriba do cronómetro” porque o contrario “non é información. É propaganda”.

Calquera persoa cun mínimo de conciencia democrática podería pensar que efectivamente non é moi democrático que se favoreza en tempo de cobertura á forza política con máis representación nun Parlamento, que se minimice a aquelas que teñen menos deputad@s ou que practicamente se exclúa a quen non ten representación.

Porén, non é menos certo que día si, día tamén, os Colexios recollen protestas de xornalistas dos medios públicos en denuncia da manipulación informativa que sofren. Manipulación que vén condicionada pola composición das direccións dos servizos informativos –compostas tamén por xornalistas- e dos propios medios e que, a súa vez, están condicionadas polos gobernos de turno.

Tendo en conta ademais que as minutaxes atinxen aos medios públicos, que son os que deben cumprir con esa proporcionalidade, se cadra o primeiro que se debería levar a Estrasburgo é o seu modelo de funcionamento. Un modelo que, como todos os días comprobamos, ten como criterio informativo básico servir os intereses do partido que sustenta o goberno e non os intereses de ouvintes ou espectador@s. 

Así que partindo dese mínimo de conciencia democrática ocórreseme para os Colexios unha pregunta: Supoñamos que non en Estrasburgo, senón aquí e hoxe, se lanza o anuncio de que a partir deste venres (primeiro día de campaña) non haberá bloques electorais. Cal cren vostedes que sería logo o criterio informativo seguido pola TVG e a Radio Galega?
A min, dada a experiencia e atendendo ás denuncias de xornalistas deses medios públicos, ocórreseme tamén unha única resposta: lei da selva e Partido Popular até na sopa. 

Isto canto aos medios públicos, porque esa mesma experiencia di que nos medios privados o criterio informativo que prevalece é o económico, ou sexa, os cartos. Máis nun país como o noso no que a súa dependencia das subvencións é tal que de estas desaparecer poría a máis dun e de dous medios a piques do peche inminente.

"Supoñamos que non en Estrasburgo, senón aquí e hoxe, se lanza o anuncio de que a partir deste venres (primeiro día de campaña) non haberá bloques electorais. Cal cren vostedes que sería logo o criterio informativo seguido pola TVG e a Radio Galega?"


Por non entrar polo miúdo en como condiciona eses ‘criterios informativos’ a súa ideoloxía, que é a outra das patas para entender por que dan ou non cobertura, manipulan e/ou censuran feitos informativos en función de se lles interesa ou non publicitalos. Criterios claramente ideolóxicos que non se cortan en aplicar, por exemplo, ao nacionalismo no seu conxunto.

Por iso me chama tanto a atención esta proposta sen que se mova unha campaña previa en serio para que os medios públicos sexan iso, públicos, e cumpran os fins para os que foron concibidos. E logo xa se falaría da seguinte fase, bloques electorais, si ou non, ou con que criterios.

Porque a alternativa que se presenta é, ao meu entender, moito, moitísimo máis antidemocrática. Antidemocrática e inxenua. Semella pouco realista crer que @s xornalistas dos medios públicos van ter liberdade para decidiren os criterios. Máis cando el@s mesm@s veñen denunciando, desde hai tempo, as presións que sofren e a censura e a manipulación dos contidos informativos baixo o perfil (eunonmanipulo) ou esta mesma semana a través do comité de empresa da TVG.

E aínda é máis inxenuo se pensamos nos medios privados e na practicamente nula capacidade de decisión daqueles compañeiros e compañeiras que hoxe traballan en condicións infames, en redaccións minguadas e cos salarios recortados (@s máis afortunad@s). Xornalistas que, en non poucos casos, se aplican a autocensura para cinguírense á liña editorial do medio e conservaren así o seu posto de traballo, xunto a outr@s, que tamén os hai, perfectamente identificad@s con esas liñas editoriais. 

En todo caso, eu coincido en que é desexábel buscar a ecuanimidade –que non obxectividade, independencia ou imparcialidade, non hai que enganar, nin enganarse- á hora de construír unha información. Porque xa se sabe, diante dunha mazá, quen a ve desde a dereita percibe a súa cara vermella e, porén, quen a mira desde a esquerda, afirma que está verde, malia a mazá ser a mesma. Así que @s propi@s profesionais aplicaremos, aínda sen querer (ou querendo) toda a nosa bagaxe, toda, á hora de decidir cales son os criterios informativos máis axeitados. 

"A primeira campaña debería ser, ao meu entender, mudar a Lei de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galiza. A partir de aí o debate está aberto".

E que dicir da conxuntura actual, na que a liberdade de empresa prevalece sobre a de información ou de prensa e na que a liña informativa é a que dite o pensamento dominante, o pensamento único, e non outra. Un momento no que é abafante a escasísima pluralidade informativa e no que, ben é dicilo, o acordo dun grupo de medios nunha liña pode lanzar cal stars system ao pull das enquisas electorais a uns nun momento e no seguinte afundilos na lama. E isto fano os medios privados, que son precisamente os que non teñen o corsé deses bloques electorais ou minutaxes nos espazos informativos.

Así é que ante a actual situación –con honrosas excepcións, todo hai que dicilo- sería necesario abrir un profundo debate social sobre a función que teñen e a que deberían ter os medios tanto públicos, como privados. As galegas e galegos temos dereito a saber quen e por que nos informan dun xeito ou doutro e a que intereses responden esas informacións emitidas en tempo electoral ou non electoral. 

E sobre todo pular por uns criterios informativos que aseguren o pluralismo de verdade nos medios públicos porque, fronte aos medios privados, son os únicos que nos poderían garantir -como é o seu deber- acceso á información.
Convido pois aos Colexios a que nos digan que ten que ser primeiro, o ovo ou a galiña. Se cadra o Col·legi ten a garantía de que nos medios públicos cataláns van responder con esa profesionalidade que se lles parece supor ao teor dos contidos da súa campaña. No caso dos galegos, vai ser que non. Por partir dalgún punto, a primeira campaña debería ser, ao meu entender, mudar a Lei de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galiza. A partir de aí o debate está aberto.

Comentarios