Opinión

Ánxela Franco, irrenunciable e incomparable

Pasa o tempo, pero cando reparamos na súa falta semella que todo segue sendo un mal soño. O 2 de xuño de 2019 as dúas familias de Ánxela Franco, a sanguínea e a política espertábamos co sabor a ferruxe instalado no padal logo dunha puñada a traizón que nos deixaba sen alento. Buscabamos ás apalpadas constatar que non fora tal, que ela non podía marchar sen máis deixándonos tan orfos, pero así foi. Logo do que levaba loitado na vida polos demais marchaba cunha estrela na fronte e no bico un cantar, íase coma unha dama, sen facer ruído, adiándonos a compañeirxs e amigxs para unha próxima conversa, para compartir unha cervexa ou para deseñar un novo proxecto. Era temón e vieiro, líder natural, muller de armas tomar, das que non achantan ante nada nin ante ninguén, das que sacan as unllas para defender os seus e eses seus eramos todos os que tivemos a sorte de cruzarnos na súa vida, porque sempre tiña tempo para quen a chamase, para quen fose petar na súa porta, na da casa, na do concello ou na da Deputación. De todos os golpes que recibiu, falta o día que devolvese un, ela estaba por riba do ben e do mal, era auténtica.

Auténtica cando ría, cando sacaba o xenio, cando defendía todo aquilo no que cría, auténtica reivindicando o seu concello, a súa parroquia. Incomparable como filla —sempre atenta e solícita a un pai que a adoraba—, irmá —alma xemelga das persoas coas que compartiu berce—, muller—compañeira de vida de quen tanto a amou— e nai —referente, inspiradora,…—, boa proba disto é a semente que deixa, semente de vencer. O baleiro que ficou dende que non está é no que xermola o orgullo por compartir un mesmo alento.

Sabía que na política unha entra por vocación, para mudar e facer que a vida dos demais mellore na medida do posible, porque sabía que este é un país de oportunidades, con talento e capacidade no que se precisa o apoio dunha Administración pública que tenda pontes para facelo florecer e que non poña atrancos.

Nacionalista de corazón e por convicción propia, feminista, inconformista, valente e tremendamente intelixente, de ollar sereno e de sorriso perenne, decidida a conseguir todo o que se propuxera, apaixonada na defensa duns ideais que marcaron a súa vida, amosando o amor a Galiza e á súa xente coa enerxía da persoa luminosa que era; respectada e admirada no seu grupo e no resto dos grupos políticos porque a súa valía e dedicación, honradez e integridade non pasaron nunca desapercibidos, ao igual que o seu bo facer. Quedo cunha frase dunha veciña á saída do pleno no cal se decretaran tres días de loito logo do seu pasamento que me dixo: “Nunca ninguén se preocupou tanto por min, porque non tivese que roubar para vivir, porque me dicía que as axudas sociais tiñan que chegar á sociedade, porque téñoa chamado ata ás doce da noite e sempre me escoitaba”. Nunca unha morte chegou a tanta xente para ferila en vida.

Comentarios