Opinión

O Fardel da Memoria de Xosé Conde Corbal

O venres 21 de abril, cadrando con centenario do nacemento de Xosé Conde Corbal, presentouse en Pontevedra, no marco dunhas xornadas dedicadas á arte e á memoria organizadas pola Deputación provincial, unha reedición de O fardel da guerra, unha carpeta de gravados, ata o de agora moi difícil de conseguir, custeada e imprentada polo artista pontevedrés en 1987.

Incluía o proxecto orixinal un total de 88 imaxes en tinta negra que conformaban unha sorte de mosaico visual da guerra, da posguerra e das atrocidades que se cometeron na Galiza daqueles anos. Os poucos exemplares que se venderon nos oitenta ían numerados e asinados. Na introdución daquel traballo o propio artista explicaba: “Hai anos que este fardel de gravados viaxa comigo. Contén unha visión da Guerra en Galicia, e do rastro de loito e terror que a acompañou”.

Os títulos das imaxes reflicten ben os asuntos que abordan: “Rapaban ás roxas”, “Expulsión dos mestres republicanos”, “Na procura dos roxos”, “Os paseos: Levalos ás claudias”, “Chimpados nas cunetas”, “Polo crego que falou sen caridade nin xustiza”, “Comedores de Auxilio Social”, “Chimpábanos dende a ponte de Castrelos”, “Collérono ó cruzar a raia”… Algúns falan de accións hoxe felizmente remotas: “Cosendo ó servizo de España”, “Collérono ó cruzar a raia”, “Os ejercicios espirituales”, “A remisión de penas polo traballo”, “Na cola do pan”… Moitos gravados refírense a persoas concretas: “Benigno Álvarez, morto despois de morrer”, “Bibiano Osorio Fernández-Tafall”, “Alfonso Rodríguez Castelao”, “Santiago Casares Quiroga”, “Alexandre Bóveda”, “O Foucellas”…, e outros moitos a persoas que existiron inda que non lembremos o seu nome: “Os gardas cívicos ou cabaleiros de Santiago”, “As señoras a pedir”, “Os balillas”… Os debuxos, en aparente desorde, conforman, como se dun cadro de retallos se tratase, un relato duro e veraz do que pasou durante anos.

Como xa fixeran Castelao, Colmeiro, Camilo Díaz Baliño, Federico Ribas ou Arturo Souto, Conde Corbal usa a arte, a imaxe, para denunciar o sucedido; para que quen o viviu non o esqueza e quen non o fixo, o coñeza.

Emprega o gravador no título do seu traballo a palabra fardel. Segundo o dicionario, un fardel é un saco para transportar cousas. Empregábanos sobre todo as persoas humildes, especialmente aquelas que debían moverse dun lado a outro, con frecuencia de forma precipitada e sen poder cargar moitas cousas. Aquelas que non dispuñan de maleta ou non podían cargala.

O título de Conde Corbal dialoga cunha obra anterior, o Fardel do eisilado (1952), o primeiro poemario de Luís Seoane. Un libro que mestura poemas e debuxos, un volume que o pintor iniciou, segundo confesou, en 1949 tras visitar Europa por primeira vez despois de trece anos de exilio. Aproveitando unha breve escala do barco que o leva de regreso a América, reuniuse clandestinamente en Vigo con algúns galeguistas, cos que durante apenas tres horas mantivo unha conversa afervoada. A emoción do reencontro espertou a necesidade de escribir.

Inicialmente o poemario levaba o título de Fardel de emigrantes, pero muda comprometidamente antes de editarse o “emigrantes” por “eixilado”. Algo parecido ten sucedido agora coa reedición de O fardel da guerra. Antón Mascato, o editor e director do traballo acabado de imprentar,  enriqueceu a colección de gravados de Corbal con outros tantos textos. Fíxoo pedindo a colaboración de algo máis de vinte persoas, a maioría mulleres, que comentaron todas e cada unha das imaxes iniciais.

O resultado xa non é o Fardel da guerra, é o Fardel da Memoria. Nel colaboran Aloia Insua, Carol S. Maier, Xoán Carlos Garrido,  Antón Castro, Patricia Arias Chachero, Ana Cabana, María Obelleiro, Dionisio Pereira, Susana Sanches Arins, o propio Antón Mascato, Cruz López, Alberto Avendaño, Uxía Senlle, Carlos Méixome, Xosé Álvarez Castro, Heitor Picallo, Lupe Martínez, Xosé Ramón Paz, Xosé Enrique Acuña, María Victoria Martíns, Montse Fajardo, Lola Varela e Gustavo Luca. Cada quen aporta as súas palabras, a súa explicación do gravado que comenta.

Os nosos parabéns por este traballo tan fermoso como necesario.

Comentarios