Opinión

Psicópatas

O pasado día tres de novembro, no xornal El Mundo, un señor chamado Manuel Hidalgo publicou un sorprendente artigo no que dunha forma (moi pouco) sutil, parecía facer unha diagnose masiva de psicopatoloxía a todos, ou no mínimo, case todo os dirixentes implicados no 1-O. Este xornalista e escritor (ou iso pon a Wikipedia) comeza o seu artigo dicindo: “A partir de algunos indicios, fruto de la observación, me puse a investigar.” Así pois, coa verdade por bandeira, este coloso do xornalismo de investigación mergullouse a profundizar nas turbias augas dos trastornos narcisistas da personalidade. Non penso aburrir coa madexa de xeralidades e evidencias que este home se limitou a mirar en dúas ou tres páxinas de Internet, pois “los principales rasgos del comportamiento psicopático, que voy a resumir y poner en común a continuación” atópanse directamente poñendo 'rasgos dos psicópatas' no Google, e non dan máis ca unha vaga noción do comportamento polos afectados por este trastorno. Pero o que é realmente abraiante desta columna é que ao autor se lle salten as alarmas por comportamento psicopático á luz dos feitos acontecidos nas últimas semanas en Catalunya, e que os rasgos de personalidade que sinala na súa tese (encanto superficial, pouca fiabilidade, ausenza de sinceridade, carencia de culpa e remordemento, dificultade para aprender da experienzcia..) non llelo inspirasen certos individuos que levan bastante máis tempo mangoneando por Madrid. E coma eu son así de altruísta, voulle dicir unha das características que pasou por alto no seu minucioso estudo: os psicópatas son, ademáis de irresponsables, sumamente inconstantes, e nalgún momento perderán o dominio de sí mesmos e deixarán clara evidencia do trastorno que padecen, pois por exemplo, non sei, poñamos que aparecendo diante dos medios nun evidente estado de ebriedade dicindo que ninguén é quen de lle dicir cantos viños pode tomar antes de coller o seu automóbil.

Gostaríame suxerir a este sagaz comunicador que sexa un pouco máis coidadoso á hora de sacar a metralleta de diagnósticos psiquiátricos, e non trivialice un problema que todos os días xera problemas bastante máis graves que a xestión de autonomía dun pobo, a moreas de persoas que conviven con estes seres detestables.

Comentarios