Opinión

Centralismo e soberanía

O historiador Richard Mackenney escribiu na súa grande obra sobre o século XVI que Madrid era unha cidade que vivía do territorio que a rodeaba, e que coas súas apropiacións periódicas de todo o trigo, viño e pan producido nun radio de 80km levouno á ruía, chuchándolle [sic] o zume. Catrocentos anos após, o radio desa apropiación física da Corte chega ás mesmas beiras do mar, e tamén hoxe comprobamos como tras do espolio vén o baleiro. A penúltima apropiación desta secular política foi a dos corredores atlántico e mediterráneo, metidos polo centro da península para reforzar ¡aínda máis! ese gran extractor radial deseñado no século XIX para chuchar calquera poder económico, político, financeiro, fiscal, mediático, cultural e humano cara a Madrid, en definitiva, para baleirar a península de soberanía e cidadanía concentrándoa na capital do Estado.

Sen deixar nunca de funcionar, a tendencia centralizadora volveu acelerar nas últimas dúas décadas, e se cadra tanto que o asoballamento de Madrid excedeu o punto no que as críticas podían ser agochadas na presunta maldade dunha periferia nacionalista. Cando unha opción política tan lexítima e anodina nunha democracia coma Teruel Existe é mirada dende Madrid coma unha ameaza para o Estado, o comodín do españolismo que Madrid usa en cada crise empeza a ser advertido coma o que é, un privilexio para impor a hexemonía e o acaparemento dunha élite capitalina. Cada vez máis xente está a darse de conta de que mandar os fillos a Madrid a estudar ou facer carreira non ten que ver co progreso, é non ter as ferramentas con que decidir o futuro e o propio presente. Cada vez máis xente dáse de conta de que ter representación política propia, asentada no territorio, alén de cuestións identitarias, é esa ferramenta indispensable para a supervivencia. Que Galicia produza enerxía dabondo para refrescar os veráns de Madrid e quentar os seus invernos, mais non teña soberanía enerxética para asegurar a continuidade de Alcoa non é un problema identitario, é unha incapacidade política e democrática. Que os intereses doutra empresa madrileña, Ence, definan o uso dos nosos montes e rías impoñendo un monocultivo contaminante, mesmo perigoso para á seguridade de vilas e aldeas, non é uha cuestión identitaria, senón de soberanía económica e ambiental. Que os habitantes das miles de aldeas e vilas galegas teñan prohibido saír ao campo a pasear ou mesmo a cultivar as leiras no medio da pandemia da covid-19 coma se viviran na cidadela da M-30 de Madrid e co gallo que “el coronavirus no sabe de territorios” non é unha cuestión identitaria, é unha cuestión de benestar público, de xeitos de vida, e si, tamén, de soberanía e territorios. Porque aínda no século XXI non vivimos en espazos abstractos, todos vivimos en sitios concretos, sitios que fan diferenzas das nosas vidas e da nosa relación co resto do mundo, porque onde vivimos importa.

Comentarios