Opinión

Cuba e os Estados Unidos

O pasado 17 de decembro dúas novas percorreron o mundo: unha, regresaron á patria ost res loitadores antiterroristas cubanos que aínda permanecían inxustamente presos en cadeas dos Estados Unidos. E a outra, produciuse o anuncio, en grande medida inesperado, do restabelecemento das relacións diplomáticas entre A Habana e Washington, cos discursos simultáneos dos respectivos presidentes de Cuba e os Estados Unidos.

O pasado 17 de decembro dúas novas percorreron o mundo: unha, regresaron á patria os tres loitadores antiterroristas cubanos que aínda permanecían inxustamente presos en cadeas dos Estados Unidos. E a outra, produciuse o anuncio, en grande medida inesperado, do restabelecemento das relacións diplomáticas entre A Habana e Washington, cos discursos simultáneos dos respectivos presidentes de Cuba e os Estados Unidos.

"Estados Unidos busca conseguir por outras vías o que non puideron lograr pola forza, a chantaxe e as presións de todo tipo: apoderarse de Cuba". 

A primeira nova non deixa de espertar profunda emoción nos cubanos e os revolucionarios do mundo. O primeiro que me veu á lembranza foi o noso Comandante en Xefe, Fidel Castro, que dixo, “Voltarán!” e xa están en Cuba os Cinco Herois!.

Con relación á outra nova, se examinarmos a historia destas relacións non haberá que ir moi lonxe para comprendermos que Estados Unidos busca conseguir por outras vías o que non puideron lograr pola forza, a chantaxe e as presións de todo tipo: apoderarse de Cuba. 

Este obxectivo foi proposto hai máis de 200 anos (1767), cando Benxamín Franklin, un dos pais fundadores desa nación, referiuse á necesidade de colonizar o val do Mississippi “para ser usado contra Cuba ou México mesmo”. [1]

En 1898 interviñeron na guerra de Cuba contra o colonialismo español, frustrando a independencia. Ocuparon temporalmente a illa e nos impuxeron, en 1901, unha emenda á constitución da República que lles outorgaba o dereito de interviren cada vez que o estimaren conveniente. Durante 57 anos Cuba foi neocolonia ianqui.

Co trunfo da Revolución, esta disputa tornouse en conflito cando o pobo cubano decidiu construír un proxecto social e cultural diferente ao que eles estaban acostumados.

"Esas relacións non habería que as restabelecer se a nación do norte non as rompese, como parte desa hostilidade que incluíu agresións armadas e sabotaxes"

De todos é coñecida a crecente e sistemática hostilidade de Estados Unidos contra Cuba por máis de 50 anos, incluíndo a guerra económica.

O que o pasado 17 de decembro anunciaron os presidentes de Cuba e dos Estados Unidos foi o estabelecemento, aínda non formalizado, de relacións diplomáticas entre ambos países. Esas relacións non habería que as restabelecer se a nación do norte non as rompese, como parte desa hostilidade que incluíu agresións armadas e sabotaxes, para derrocar a unha Revolución que se propuxo acadar a soberanía nacional plena e, xa que logo, erradicar a dominación neocolonial que se lle impuxera ao país desde 1898. 

Basta observar con mínima atención o que ocorre entre os Estados Unidos e países cos que esa nación ten relacións diplomáticas. É, por exemplo, o caso de Rusia, que ao día seguinte do discurso de Obama, arremeteu contra ela. Ou o de Venezuela, que está a ser tamén agora mesmo obxecto de sancións por parte do goberno dos Estados Unidos, en complicidade coa oligarquía proianqui, co obxecto de subverter o proceso bolivariano iniciado polo presidente Hugo Chávez Frías.

Os cubanos propuxémonos salvar o proxecto socialista e conservar a soberanía nacional. Se os imos chamar “o viciño”, para a nación cubana e para a nosa América en xeral sería suicida restar peso á circunstancia de que non deixou de ser perigoso e desprezármolo.

"Non perderon vixencia, mais todo o contrario, as alertas de Martí hai máis de medio século sobre o perigo que significa o convite dos Estados Unidos".

Non perderon vixencia, mais todo o contrario, as alertas de Martí hai máis de medio século sobre o perigo que significa o convite dos Estados Unidos. Obama deixou palmariamente expresadas as súas intencións, e, se alguén non o apreciase así, só tería que botar unha ollada ás declaracións programáticas con que a Casa Branca complementou as palabras do mandatario.

A ninguén lle debe parecer mal que esa normalización se poña en marcha; mais tamén non se debe ignorar a diferenza de intencións con que se pode promover, ou se promove, desde ambos lados dunha contradición esencial, que non cesará da noite á mañá, e que, vista á luz da historia, só podería desaparecer por completo se un dos dous países renunciar ao camiño que seguíu até hoxe.

A Cuba, a cubanas e cubanos patriotas, non nos há de coller por sorpresa ningunha manobra. As mesmas que o imperio se pode ver levado a pór en práctica, como retomar as relacións diplomáticas e anunciar o posíbel cese do bloqueo, serían impensábeis sen a resistencia coa que o pobo cubano defendeu a súa soberanía e a súa dignidade de 1959 para acó, nun vieiro iniciado moito antes.

Os cubanos saberemos enfrontar esta nova etapa sen renunciarmos a un só dos principios que defendemos ao longo da historia.

[1] Colectivo de autores: El diferendo EEUU - Cuba. Ediciones Verde Olivo, La Habana, 1994, p.8 

Comentarios