Opinión

Clientelismo municipal

No clientelismo municipal os bens do Concello non se administran segundo a lóxica imparcial da lei, senón que, baixo unha aparencia legal, utilízanse discrecionalmente polos responsábeis políticos, alcalde e concelleiros. 

No clientelismo municipal os bens do Concello non se administran segundo a lóxica imparcial da lei, senón que, baixo unha aparencia legal, utilízanse discrecionalmente polos responsábeis políticos, alcalde e concelleiros. Nestes concellos clientelistas, relégase o dereito como instrumento de decisión. A lei e a institución municipal dependen do capricho de quen ostentan o poder, e a norma non guía a conduta dos individuos. As persoas deixan de ser iguais perante a lei: o trato depende da relación cos que ostentan o poder político. O estado de dereito é pervertido e pasa a ser un medio para lograr unha falsa lexitimidade, un instrumento ao servizo dunha minoría, dunhas elites corruptas.

"Considero que, se queremos terminar co clientelismo, o amiguismo e o nepotismo, necesitamos forzar o cambio democrático nas próximas eleccións municipais de 2015".

Terminando o ano 2010, o Concello de Vigo adxudicou á empresa Samyl a construción dun parque temático pirata na contorna de Castrelos, cuxa instalación custaría 950.000 euros. Semella que un informe da Xunta desautorizou a construción dese parque pirata, xa que contraviña a declaración de Castrelos como ben de interese cultural (BIC). Agora o Concello de Vigo terán que pagar 29.850 euros polo lucro cesante e polos supostos gastos que tivo que afrontar a empresa para redactar o proxecto e outras cuestións. Ademais, terá que devolver o aval de 40.000 euros.

Non é isto un claro exemplo de clientelismo municipal e amiguismo? Opino que si e ademais queda patente que a apoderada da empresa SAMYL, Julia López Vázquez, naquela época voceira da executiva do PSOE de Vigo e, posteriormente, número 6 da candidatura dese partido nas eleccións autonómicas do 2012, buscaba beneficiarse dun substancioso contrato público e iso polo simple feito de ter unha magnifica relación co alcalde e os concelleiros do PSOE.

Por todo o exposto considero que, se queremos terminar co clientelismo, o amiguismo e o nepotismo, necesitamos forzar o cambio democrático nas próximas eleccións municipais de 2015.

* Óscar Lomba é avogado e militante de ANOVA-Irmandade Nacionalista.

Comentarios