Opinión

O futuro das carpintarías de ribeira como símbolo do patrimonio marítimo

Reflexiono neste artigo sobre o estado actual das carpintarías de ribeira e as súas opcións de futuro como parte do noso patrimonio arquitectónico e marítimo. Durante a miña tese doutoral investiguei sobre estas construcións ao longo da costa galega, seleccionando doce edificacións de especial valor e de características comúns que denominei “estaleiros tradicionais”.

Estas edificacións atesouran a memoria do tradicional oficio de construción de embarcacións de madeira en Galicia. Creadas entre finais do s. XIX e inicios do s. XX a súa construción destaca polo emprego da madeira como material estrutural, plasmando dun modo específico o transvasamento tecnolóxico construtivo entre a arquitectura popular e a construción naval en madeira.

O número de carpintarías de ribeira que se conservan e ínfimo comparando coas que chegou a ter toda Galicia. Quizá hoxe entendamos máis facilmente que estamos a perder parte da nosa cultura cando por fin se potencia de novo o uso da madeira en construción debido a que supón un aforro en emisións de CO2, polo que me pregunto: Canto tempo perdemos, se hoxe se empeza a loitar por aquilo que xa tiñamos? Sendo unha terra de pioneiros na construción de embarcacións de madeira, e por tanto coñecedores das súas técnicas e transmisores dos seus coñecementos.

Nos últimos anos avanzouse na protección dos estaleiros tradicionais, coa súa inclusión nos catálogos municipais e autonómicos, pero a pesar diso, destacamos a mala situación da carpintaría do Charango en Muros ou a de Roseva en Cabana de Bergantiños; a desaparición, mediante o desmonte da súa estrutura, da carpintaría de Laxes en Domaio; ou o incendio da de Casqueiro na Seara, Moaña. Como punto de inflexión deste proceso de desaparición, é satisfactorio falar da finalización da rehabilitación do estaleiro tradicional de Purro, da Banda do Río en Bueu. Outro avance positivo é a futura rehabilitación do estaleiro tradicional de Ciprián en Outes e das Carpintarías de Casqueiro e Carlagho en Moaña, onde tras o esforzo de distintas asociacións, e con apoio das administracións, este autor e o seu socio Iago Fdez. Penedo tivemos a satisfacción de redactar os proxectos de rehabilitación.

A rehabilitación das carpintarías de ribeira de Casqueiro e de Carlagho supón un claro exemplo do compromiso do pobo de Moaña co seu patrimonio marítimo preindustrial

A rehabilitación do estaleiro tradicional de Ciprián pretende recuperar a configuración orixinal dun edificio que é pegada do patrimonio preindustrial de Galicia e que hoxe se atopa nun estado de deterioro e nun avanzado proceso de ruína. A proposta busca crear un punto de encontro en base ao patrimonio marítimo da Ría de Muros-Noia, onde a rehabilitación dará lugar a unha gran praza pública cuberta que permitirá realizar calquera tipo de actividade, incluída a de reparación de embarcacións, e á súa vez, unha parte pechada que albergará un programa expositivo dedicado á carpintaría de ribeira. Manter o volume actual do estaleiro tradicional, recuperar a estrutura de madeira do Tinglado e eliminar os anexos sen interese son os principais obxectivos do proxecto.

A rehabilitación das carpintarías de ribeira de Casqueiro e de Carlagho supón un claro exemplo do compromiso do pobo de Moaña co seu patrimonio marítimo preindustrial. O proxecto céntrase na rehabilitación e consolidación das carpintarías para uso museístico e cultural, e a proposta persegue retranquear as fachadas, protexer as ramplas-varadoiros como os elementos de maior valor patrimonial, e manter o interior do taller-serradoiro, xogando cos espazos, a entrada de luz e as vistas. Foi un camiño difícil a nivel burocrático, con todo, tras as distintas reunións con Patrimonio e Costas, establécese que o único proxecto válido debe pasar por continuar o paseo pola fronte marítima, recuperando a servidume, pero a un distinto nivel con respecto ao resto do paseo, de forma que respecte as ramplas-varadoiro-anguías e a saída ao mar desde estas estruturas.

Son épocas para sentir que o vento sopra a favor e seguir loitando para ver recuperadas estas arquitecturas preindustriais e a súa paisaxe asociada, dignificando a memoria dos oficios das sociedades do mar.

Comentarios