Opinión

Pero entón, que pasa co leite?

Hai ben anos que asistimos periodicamente ás revoltas gandeiras. Saen á rúa, por veces mesmo cos tractores, (cada vez menos, pero ao tempo con máis potencia e tamaño) e arman algunha liorta. Vémolos tirando leite nas leiras, baleirando un camión cisterna nunha estrada ou guindando envases á porta dalgunha industria…

Hai ben anos que asistimos periodicamente ás revoltas gandeiras. Saen á rúa, por veces mesmo cos tractores, (cada vez menos, pero ao tempo con máis potencia e tamaño) e arman algunha liorta. Vémolos tirando leite nas leiras, baleirando un camión cisterna nunha estrada ou guindando envases á porta dalgunha industria…

"O mundo agrario agoniza esgotado por políticas económicas que non teñen a máis mínima visión estratéxica favorábel"

Reparamos nestas demostracións de indignación xa sen sabermos moi ben a que son debidas. A cidadanía galega, despois de corenta anos, somos a convidada de pedra na desfeita do medio rural e continuamos coa ollada fixa mentres a destrución aviva as lapas co asentimento do poder público.

Mentres, o mundo agrario agoniza esgotado por políticas económicas que non teñen a máis mínima visión estratéxica favorábel. Políticas conducidas ideoloxicamente polo mesmo vieiro que levou a deslocalizar a industria, o téxtil, a minaría ou a construción de barcos: Producir nos países onde Occidente pode expropiar doadamente a forza de traballo e mellorar o plusvalor. Aínda que haxa que transportar os produtos a grandes distancias, resulta máis barato que manter un sistema agrario con elevados prezos en orixe, prezos destinados a garantirlle aos seus produtores/as rendimentos dignos, ganancias acordes co nivel de vida occidental, acceso a servizos básicos, etc. A lóxica económica da nova orde mundial (globalizada) dita a necesidade de reducir as ganancias da maioría para incrementar as dunha minoría dona do poder económico. Así a actual conxuntura na que se está a mover o seitor leiteiro galego non é nin máis nin menos ca unha póla máis do conxunto de medidas que os grandes capitais deseñaron para Europa: Reducir como sexa o custo de producir. E no caso de agriculturas coma a galega de base aínda maioritariamente familiar, significa recortar na ganancia que as persoas titulares de explotación obteñen do seu traballo. Para gañar máis hai que vender máis, pero como o custo de produción é moi elevado, coa baixada do prezo redúcense as ganancias propias. Deste xeito, iguálase co que acontece noutros seitores do emprego: O recorte sistemático do poder adquisitivo do pobo traballador, sexa este un obreiro por conta allea ou un autónomo/emprendedor (esa figura tan ao gosto do poder que permite seguir explotando a un ritmo igualmente brutal). 

"A realidade indica que o seitor leiteiro está a sofrer o acoso nos prezos de xeito máis acentuado se cabe desde a eliminación do sistema de cotas"

Moito se ten discutido sobre o leite, moitas as medidas que se teñen enunciado, pero ningunha chega nunca, formalmente, a ser aplicada: A realidade indica que o seitor leiteiro está a sofrer o acoso nos prezos de xeito máis acentuado se cabe desde a eliminación do sistema de cotas. A invasión de leite envasado, procedente na súa maioría de lugares con mellores posicións estratéxicas xunguido a unha verdadeira manobra de derrubo posta en práctica polo seitor industrial e da distribución, conduce a unha situación insostible. 

Contodo as posicións aberrantes da industria e da distribución non están soas. O irresponsable abandono por parte das institucións autonómicas e estatais, pregándose, coma en tantos outros casos, ao ditado de poderes que non responden ante ninguén (agás eles mesmos), a incapacidade (conscientemente?) manifesta para mediaren, para impór controis fronte aos abusos da industria, o habitual escudo na defensa da competencia e o libre mercado, presentan un escenario que é aínda peor do que foi hai uns meses. A multa do Tribunal de Defensa da Competencia ás industrias leiteiras por pactaren prezos clarificou unha parte do que xa se sabía nas explotacións desde había anos e hoxe están financiándoa a conta, precisamente, do recorte de prezos. A realidade é que detrás do abuso e da manifesta apropiación dun ben tan básico coma o alimentario, campa a inoperancia e incompetencia da Xunta de Galiza e do Goberno do Estado que nunca van establecer mecanismos de control sobre os bens de primeira necesidade.

As medidas anunciadas tra-las negociacións destes días no Ministerio do Medio Rural contemplan a repetición sistemática da propaganda sobre acordos que, des que temos memoria, se viñeron asinando e que tardaban tan só dous días en incumprirse por parte dos axentes máis fortes do mercado. O ilimitado poder dos comercializadores dos produtos agrarios e a ausencia de mecanismos que garantan a intervención nos mercados, empurran máis aínda as explotacións leiteiras cara o abismo. Unha elevadísima dependencia de bens alleos ás explotacións, froito dun modelo de desenvolvemento que non se deseñou tendo en conta a realidade propia, contribuiu en grande medida á imposibilidade de que as explotacións controlen os seus custos.

"A realidade é que detrás do abuso e da manifesta apropiación dun ben tan básico coma o alimentario, campa a inoperancia e incompetencia da Xunta de Galiza e do Goberno do Estado que nunca van establecer mecanismos de control sobre os bens de primeira necesidade".

Mesmo partindo da idea de establecer na actualidade un sistema de produción en base a forraxes propias, con animais de menores rendimentos (litros de leite) pero capaces de mantérense con pastos, a saída resulta máis que dubidosa coa actual dinámica. En primeiro lugar porque os prezos son moi baixos, mesmo implementando un modelo “de pastos”, sobre todo se temos en conta os enormes investimentos previos a amortizar nas explotacións; e en segundo lugar, porque esa reconversión conleva a necesaria reorganización territorial e transferencia da propiedade ás explotacións que, cómpre advertilo, non é unha medida con prazos curtos de execución nin doada de levar á practica.

Cómpre polo tanto que a sociedade asumamos a responsabilidade que nos toca en todo isto demandando das institucións que nos gobernan dous principios moi básicos e moi clariños:

1. A intervención dos mercados agrarios, garantindo a protección da capacidade económica das nosas explotacións e a súa sustentabilidade ambiental, con limitacións á produción e a importación de produtos semellantes procedentes dos mercados exteriores.

2. Intervir no territorio, deseñando desde xa medidas oportunas para estimular a posta en produción dos predios abandonados, sumado a un plan de establecemento de persoas no rural que permitan un traballo digno e rendible así como a seguridade de que o producido por estas persoas teña como finalidade primeira a alimentación da sociedade galega.

Sen estas (e outras moitas) medidas o rural galego seguirá na encrucillada e probablemente abocado ao desastre. De nós, coma en todo, depende frear esta caída.
 

Comentarios