Opinión

Por mirar á Santa Coca perdín o demo da misa

Chegou xuño, e para as gaiteiras, que nos guiamos polo santoral por cuestión de oficio, chegou o Corpus. Na miña terra natal, Redondela, xa de vello, as festas do Corpus pasaron a chamarse Festas da Coca, levando a sona das celebracións o diaño, o dragón que  desfilaba na cola da procesión xunto cos xigantes e os cabezudos que simbolizaban o mal e as paixóns terreais. Hai un dito que escoitei dende neno "por mirar á Santa Coca perdín o demo da misa" que resume moi ben está ambigüidade e fálanos dun paganismo inherente á condición de galegas. Nas festas da Coca toquei xunto co meu irmán a danza das Espadas e das Penlas durante doce anos (1990-2002), e será por ter escoitado esta frase tantas veces dende nenos que non tivemos un dilema moral á hora de compaxinar a nosa faceta de ateos practicantes e participar de maneira activa na procesión máis importante da liturxia católica, quizais o ir contratados axudou a anestesiar a conciencia, pero nos últimos vinte anos seguimos tocando na parada da procesión no concello vello, con permiso dos gaiteiros titulares, e aquí non hai cartos polo medio.

Lembro con moita ledicia as primeiras xornadas arredor da música tradicional que organizou a Asociación de Gaiteiras Galegas (AGG) no 2012 nas instalacións da Tradescola en Lugo, que foron herdeiras directas daqueles históricos Congresos de Ensinantes organizados en colaboración ca ASPG e a CIG. Nunha das últimas palestras, intitulada "O gaiteiro moderno: Algunhas cuestións técnicas e históricas", o poñente, gran gaiteiro e amigo, afirmou que as gaiteiras eramos conservadoras e reaccionarias. Unha parte importante do público, feridos no noso ego esquerdeiro e progresista protestamos pedindo explicacións, ao que o poñente respondeu moi ó estilo de Sócrates, preguntando quen era o noso principal cliente. A protesta parou ao instante, e na cabeza de todos estaba a contestación: os curas! É ben certo, dende San Mauro en xaneiro ate Santo Andrés en novembro, o setenta por cento da facturación dunha gaiteira profesional son as festas relixiosas, misas, ramos e procesións.

A AGG segue organizando as xornadas arredor da música tradicional todos os anos no mes de setembro, e ademais fai distintas xornadas monográficas repartidas ao longo de todo o ano por distintas localidades do país. Aproveito para deixar aquí unhas propostas de xornadas moi acaídas para estas datas, para cando unhas xornadas sobre danzas gremiais? Estaría ben que recolleran esta luva concellos coma Redondela, Marín ou mesmo Pontevedra, que teñen unha longa tradición neste tipo de manifestacións etnográfico musicais.

En 2005, en tempo do bipartito, a AGG asinou un convenio de protocolo con vicepresidencia da Xunta para que en todos os actos institucionais nos que participara Anxo Quintana se contratara unha parella de gaiteiras para tocar o himno. Mágoa que no 2009 morrera este xermolo de esperanza. Moi lonxe desta imaxe está a das macro concentracións de gaitas marciais en investiduras de presidentes financiadas a base de bocadillo e autobús.

Volvendo a Redondela, sorprendeume gratamente que nos últimos anos recuperasen a simboloxía da gaiteira nos actos institucionais (Día de Galiza, Letras Galegas...) iniciativa que animo a que imiten outros concellos e institucións da Galiza para que a nosa música estea presente cada día na vida civil.

E para rematar, lembrar a memoria dos portadores, dos que fixeron que a música do país chegara aos nosos días viva: Avelino Figueroa e Agustín Dacosta (Os Martas), Manolo 'Gaiteiro' e Paco 'Flauta', Gorecho dos 'Ismaeles' e seus fillos, Os Tranquilos de San Xoán do Monte, Sabino Figueroa, Xaquín de Vilar de Infesta, Andrés Parada de Negros, e tantos outros que quedaron no esquecemento. E sen esquecer a figura de Casto Sampedro (para cando unhas xornadas ou unha bolsa de estudos etnográfico-musicais co seu nome?), Redondelán ilustre que nos deixou a maior información de primeira man sobre a danza das espadas e as penlas que se pode topar dende mediados do século XIX.

Eu pola miña banda, este xoves vou mirar á Santa Coca.

Comentarios