Opinión

Vinte motivos para estar até a cona

Vouvos contar un segredo: eu non cobro menos que os meus compañeiros varóns polo mesmo traballo. 

Pero o 8 de marzo #euparo. 

Polas que non poden parar nin o 8M nin o resto do ano. Polas que si cobran menos. Por min, por elas, por todas nós. Por todas as que estamos até a cona.

1.- Estou até a cona de chegar de traballar, baixar do meu coche e que un completo descoñecido me faga sons orgásmicos pola rúa. 

2.- Estou até a cona de estar na rúa cargando o coche para ir facer o meu traballo e que me asubíen ou me dean unha opinión non solicitada sobre o meu corpo.

3.- Estou até a cona de que cando lle contas a alguén que estabas nun bar e un descoñecido te acosou, pregunte con que clase de xente andas. 

4.- Estou até a cona do teito de cristal e da grande minoría de mulleres en postos de poder.

5.- Estou até a cona das campañas anti violencia de xénero dirixidas á muller. Disto estou especialmente até a cona.

cartaz6.- Estou até a cona de que os homes se queixen de que non lles deixemos participar na folga. Se vos contásemos todo o que vós non nos deixastes facer a nós ao longo da historia… 

7.- Estou até a cona de que os homes nos expliquen a historia do feminismo. Sufraxistas? Vaia, non tiña nin idea!  

8.- Estou até a cona de escoitar a frase “nin machismo nin feminismo”. Abride un puto dicionario. 

9.- Estou até a cona de escoitar que a depilación feminina é estética e hixiénica. Vaia estupidez.

10.- Estou até a cona de que cando lidero un proxecto profesional me pregunten nas entrevistas se son mandona. 

11.-  Estou até a cona de que os homes nos digan que non entendemos como debemos levar a nosa loita. A ver, se no lo explicades vós e nos concentramos moito moito co noso cerebro de chicas, igual o conseguimos. 

12.- Estou até a cona de escoitar que hoxe en día o feminismo non fai falla. Xenial! Entón o das ducias de feminicidios ao ano en España era un mal pesadelo que tiven cando ceei forte o outro día? Tamén soñei que violan a unha muller cada 8 horas en España e que encima a metade non se soe denunciar? 

13.- Estou até a cona de que me feliciten o día da muller dicindo que “todas somos hermosas”. Eu non quero ser fermosa, quero ser respectada porque son un ser humano.

14.- Estou até a cona de que nos feliciten ese día dicindo que somos súper mulleres porque traballamos arreo, coidamos dos nosos seres queridos, etc.  Grazas por felicitarme o día da muller traballadora tentando que en vez de queixarme de que se me asigne ese rol, me sinta orgullosa de que me discriminen.

15.- Estou até a cona de que sempre me poñan a min o refresco e ao meu acompañante a cervexa.

16.- Estou até a cona de que unha muller teña que avergoñarse de vivir libremente a súa sexualidade e un home non.

17.- Estou até a cona dos baños con cambiador de bebé só no das mulleres.

18.- Estou até a  cona de que sempre nos xulguen.

19.- Estou até a  cona de que teñamos que traballar o dobre para conseguir a metade.

20.- Estou até a cona de loitar cada día contra o patriarcado e contra esta sociedade podre.


O 8M #euparo porque estou até a cona de estar até a cona.

Comentarios