Opinión

Prostitución, violacións e castracións

Eu son abolicionista. Aínda que entendo ás compañeiras que non o son, penso que, coma no feminismo ou en calquera problemática social, o dilema non está nas excepcións. E non creo que o debate principal sexa se hai un porcentaxe ínfimo de mulleres que venden os seus corpos a cambio de cartos de forma voluntaria, senón que hai unha multitude de mulleres en situación de desamparo (tanto se están sometidas á violencia como se é por imperantes necesidades ou situacións familiares insostibles). Ademais, todas e todos sabemos que a grandísima maioría das persoas que son prostituídas son mulleres. E que a inmensa maioría de persoas que consomen prostitución, aínda sendo con homes (que moitas veces son menores moi desfavorecidos), son homes. Casualidade? Non o sei, eu de inocencia ando algo escasa.

Segundo o vexo eu, a consumición de prostitución non é máis que violar a mulleres (xeneralizo porque a porcentaxe é aplastante) a cambio de pagar para non arriscarse a ir ao cárcere. Porque se eses homes quixesen axudar a esas mulleres, daríanlles os cartos e iríanse, sen necesidade de sacarse as pirolas. Se esas mulleres desexasen estar con eles, non lles cobrarían. E o sexo, non o esquezamos, para ser sexo ten que ser desexado. Non consentido. DE-SE-XA-DO. Todo o demais é unha maldita violación.

Lonxe do debate abolicionista, que non é do que viña falar, hai un argumento en pro da prostitución que me ten verdadeiramente fascinada. O argumento é o seguinte: se non houbese prostitución, aumentarían as violacións.

Ante tal argumento, suponse (deduzo eu, que non o sei) que as mulleres debemos quedar tranquilas e, xa de paso, calar un pouco a boquiña e non meternos no que fan ou deixan de facer os puteiros. Porque como as prostitutas xa cumpren ese servizo, non hai violacións. Ah, non! Esperade! Que si que as sigue habendo! E non esquezamos que a maioría das violacións non son nunha calexa escura, senón que as cometen os homes do noso entorno constantemente, que non as denunciamos porque sentimos vergoña, sentimos que nós provocamos algo ou simplemente non entendemos que “aquel polvo que se foi das mans, no que eu non estaba cómoda e incluso sentín medo” foi unha puta violación. Ata ese punto nos educan para que a culpa recaia sempre en nós.

Preguntáronme o outro día que como faría eu para evitar as violacións se se exterminase a prostitución. E lonxe desas cousas tan remotas e fantasiosas chamadas educación, cultura da violación ou sociedade patriarcal, eu véxoo clarísimo. A miña premisa é a seguinte: se damos por válida esa afirmación de que se non houbese prostitución nos violarían a nós, a esas mulleres que podemos ir pola rúa tranquilamente sendo asaltadas por eses puteiros, eses homes irracionais que non puideron calmar os seus instintos básicos noutro sitio… Doada solución! Castremos o 39% dos homes. Porque segundo os datos da ONU, o 39% dos homes consumiron prostitución nalgún momento das súas vidas. Poñamos cámaras de vixilancia en todas as zonas onde os homes pagan por sexo e fagamos unha pequena estimación de canto lle custaría á nosa sanidade pública erradicar as violacións. Toda a sociedade sae gañando, non credes?

Pero non vos preocupedes, puteiros. Pode ser castración química para que non vos doia tanto.

Nota: se o Ministerio do Interior quere copiarme a idea para erradicar as violacións, que o faga libremente, non preciso ningún tipo de remuneración nin recoñecemento de autoría.

Comentarios