Opinión

As prácticas sexuais do patriarcado

Teño estes días unha boa amiga pasando un mal momento. Hai uns días deitouse voluntariamente cun violador, pero ela non o sabía.

E é que se unha virtude teño, permitídeme dicila, é que sei escoitar sen xulgar. Pero non só eu. A semana pasada, esta amiga explotou e contou o sucedido diante das que alí estabamos, sendo nun grupo bastante numeroso de mulleres. E nese espazo seguro, aconteceu que outra das presentes contou como a violaron hai anos estando ela case inconsciente polo alcol. Houbo outras que non contaron, pero que pola fonda relación que teño con elas, sei que tamén pasaron as súas. E alí estabamos: un feixe de compañeiras conscientes de que o único que podemos facer nesta noxenta sociedade patriarcal é tentar sobrevivir.

Chámanme moito a atención os tíos machistas cando se ‘enteran’ dalgunha das merdas que nos pasaron e case que non nos cren. Supoño que pode haber dúas explicacións plausibles para isto: ou ben que ningunha muller no seus cabais teña interese en abrirse a unha persoa que a vai xulgar e atacar, culpándoa da agresión que sufriu, ou ben que estes mesmos homes sexan os agresores.

Onte falando sobre o que estaba pasando a miña amiga, alucinei coa cantidade de xustificacións que tiven que dar en nome da vítima. Tiven que explicar que non fora cun descoñecido, que eran colegas de hai moitos anos. Coma se estivese dicindo que a miña amiga non as foi buscando. Coma se, no caso de ser un descoñecido, fose lóxico que pasen estas cousas. Imaxínome a min mesma indo á casa dun tío aleatorio. Chego alí, vólvome tola e comezo a lanzarlle pratos á cara. Imaxínome ao tío contando iso. “O outro día levei á casa a unha pirada e comezou a atacarme”. Ninguén lle diría que, claro, é que con descoñecidas, nunca se sabe…

O que pouca xente ve é que a maioría das agresións sexuais, do tipo que sexan, se dan con homes aos que xa coñeciamos. Homes normais do noso contorno, incluso doces, amables con todo o mundo.

E é por isto que, farta de vernos esnaquizadas constantemente, decidín reunir unha serie de prácticas sexuais que se dan constantemente, incluso pedindo a amigas cishetero que fixesen memoria coas experiencias que sufriron. Para min isto que vou facer é unha lista de obviedades, mais parece que hai demasiada xente que non o entende así.

Querido home cisxénero heterosexual, le con moita atención:

1) Se te estás liando cunha muller e che parece boa idea collerlle a cabeza e baixala para que che faga unha felación, debes saber que isto, ademais de ter unha carga de violencia brutal, significa que lle estás indicando para onde ten que ir, non vaia ser que se perda. Non cres que se ela quixese, xa iría soíña? Pregunto.

2) Se gravas relacións sexuais sen que ela o saiba, rezaremos para que te denuncie, aínda sendo ateas.

3) Se a convidas á casa, non sei se sabes que non tes dereito a esixir sexo. Que ela é totalmente libre de decidir e que non podes exercer presión, maldito agresor.

4) Se a muller está borracha, igual que ti estiveches moitas veces, non é nin minimamente lícito que fagas nada. Agás se queres ser un violador, claro está.

5) Tentas metela por un buraco polo que ela non che deu ningunha pista de querer? Isto chámase violación.

6) Trátala con brutalidade sen que ela dése mostras de que lle guste tal cousa? Chámase violación.

7) Ela quere usar preservativo e ti non? Pois ou paras aí o polvo ou o que vas facer chámase violación.

8) Sacas o preservativo, incluso sen que ela se dea conta? Chámase violación.

9) Rompe o condón, dáste conta e non a avisas? Adiviña. Si! Violación.

10) Se ao rematar, e facendo ademais algunha destas prácticas, lle preguntas se acadou o orgasmo e se che di que non, sorpréndeste ou incluso insinúas que hai algo que está mal nela? Isto non é violación, pero ti es un gilipollas ao que lle finxiron orgasmos toda a súa vida.

O problema non son as denuncias falsas. O problema son todas esas mulleres que non teñen ningunha proba para denunciar as agresións que sufriron. Porque mentres este violador pensa que botou uns polvazos de campión, a miña amiga leva días chorando. E, cando pasan estas cousas, somos nós as que cremos que temos a culpa.

Que gran traballo fixo o patriarcado nas nosas cabeciñas.

Comentarios