Opinión

Monogamia, infidelidades e autoengano

Antes de nada, quero dicir que normalmente cando escribo algo é porque estou moi segura do que digo. No artigo que traio hoxe, simplemente pretendo dar a miña visión, absolutamente subxectiva e sen pretender sentenciar nada.

O caso é que onte unha amiga contábame un coqueteo que tiña cun home, e animeina para que quedasen. Contestoume que ten moza e que non quere ser ela a causante da infidelidade. Preguntei se a coñecía, e cando me dixo que non, fiquei descolocada. Non entendín por que era problema da miña amiga que el lle fose infiel a unha parella allea a nós.

Por outra banda, lin nunha destas imaxes típicas de internet uns puntos sobre como practicar a sororidade. Nun deles poñía “no salgas con personas que tenga novia”. Nin entendín por que é responsabilidade desa terceira persoa nin que ten que ver isto coa sororidade e, por tanto, co machismo; coa nosa unión para vencer o patriarcado. Ademais, tamén teño escoitado cousas do tipo por parte de homes ben castróns: “yo no quiero liarme con ella, porque tiene novio y no quiero hacerle eso a él”.

Penso que a miña responsabilidade inclúe que se estou nunha relación monógama e tradicional, se me comprometo a ser fiel, selo. Que no meu caso a verdade é que me nace así, non teño que facer esforzos. Inclúe tamén respectar as miñas amigas e, por suposto, as súas relacións. Tampouco teño que facer ningún esforzo para iso e tamén me nace terlles lei.

Agora ben… Sentirme responsable das infidelidades que lles cometan a outras persoas?

Póñome no suposto de ter un mozo que estea comprometido comigo e que, ao mesmo tempo, tente deitarse con mil mulleres. Esas mil mulleres practican esa sororidade da que falaba arriba e deciden non facer nada con el por respecto deica min, aínda que non me coñezan de nada. Que me solucionaría a min iso? Que clase de relación tería eu cun home que está tentando xogarma pero que non chega a materializalo porque elas o rexeitan? Terá que ser el quen se responsabilice dos seus actos, non elas.

Esta suposta sororidade que implica sentirnos responsables da fidelidade nunha parella na que non estamos… que significa? Significa, acaso, que nós decidimos por ela e que cremos que é mellor que viva na ignorancia? Querémoslle tan sororamente a esa descoñecida que polo seu ben decidimos que siga cun home que a engana?

Ou significa que se outra muller se lía co noso mozo nós lle imos botar algunha culpa a ela? Imaxino que se eu creo que teño algunha culpa por provocar o pobre home doutra, tamén o pensarei das demais lobas se mo fan a min liándose cunha parella miña, non é? Porque, sendo así, todo isto cheira moito a machismo e a medievo.

Ademais, dende que momento se pode chamar infidelidade? Eu diría que comeza coa intencionalidade, que non hai que esperar a que dous corpos se rocen para nomeala como tal.

Nunca comprenderei como é que a maioría de relacións que coñezo ao meu redor se establecen sobre a monogamia e, ao mesmo tempo, sobre a infidelidade. Non entendo como podemos estar no século XXI e que a nivel práctico apenas se vexan outro tipo de paradigmas sobre os que asentar as relacións afectivas. Pasan os anos e aínda non comprendemos que outros tipos de relacións son posibles, e que debemos escoller o modelo non por tradición, senón por ser a opción que mellor se adapte a nós.

Será o medo a estar soas e sós? Será que hai en nós un absoluto egoísmo no que queremos facer o que nos dá a gana pero que a outra persoa non? Quereremos ser irresistibles para todo o mundo pero que a nosa parella só teña ollos para nós? Será a nosa autoestima tan fráxil que a medimos segundo o número de persoas ás que atraemos? Poderá ser, quizais, que na nosa vida precisamos de certas emocións, aínda mancando outras persoas? Ou será que hai relacións nas que estamos mortas pero aferrámonos a elas coa idea de que todo mude algún día por arte de maxia e por iso aturamos durante anos? 

Comentarios