Opinión

Manual para ser fascista á perfección: como dar noxo en doce sinxelos pasos

Agora que chega Vox e ata hai xente de dereitas que bota as mans á cabeza (non polas ideas de Vox, senón porque non tenten disimulalas como fan outros partidos que en realidade pensan igual) penso firmemente, rojos e rojas, que estamos en perigo de extinción.

E non nos vai quedar outra que ser algo así como conversxs e tentar pasar por fachas.

Para iso, poño á vosa disposición filosofías de vida e frases que fun aprendendo ao longo dos anos. Prestade moita atención, comparto aquí o manual inédito de como ser fascista á perfección:

  1. Non leas ningún libro. Nunca. Canto máis pensamento crítico teñas, peor. Non queremos iso.
  2. Di que non es racista. Aínda que apoies as medidas máis crueis para que a xente que foxe da fame non entre no teu privilexiado país. Ti repite moito que non es racista. Que se note que tes a imperiosa necesidade de xustificarte. Podes engadir algo así como que tes un veciño negro e que incluso o saúdas.
  3. Di que che gusta o galego, pero que ti non o falas. Que che gusta, pero que estás en contra de todas as imposicións. Que che gusta oílo falar á xente, sobre todo á de aldea, que é a que realmente o sabe falar, porque a xente de cidade é parvada que use este dialecto. Di que ti o entendes (como se fose un grande mérito) e despois pregunta que son palabras como “funil” ou “maniotas”. Repite que che gusta o galego, pero dío sempre en español.
  4. Di que respectas a xente homosexual, que en sus casas que hagan lo que quieran, pero que no lo llamen matrimonio. Mestúrao cos teus férreos valores familiares. Di que os teus fillos (sempre en masculino) non teñen por que ver iso. Cando quede claro que non queres que o vexan porque o consideras unha aberración, por se collen exemplo e o normalizan, repite unha vez máis que respectas á xente homosexual. Cagho no mundo, é que xa non sabes cantas veces o tes que dicir para que entendan que respectas aos homosexuais!
  5. Para todas as túas ideas de anormal, láiate de que non hai respecto. Que ti non es racista, nin homófobx, nin galegófobx nin nada diso, que ti respectas e queres que te respecten. Engade algunha frase falando da “ditadura do politicamente correcto”, di que ti non pensas como a maioría, que es un ser de luz, especial, que ninguén te entende. Se che é posible, usa a palabra “librepensador” e quedas como un rei. Ou raíña. Pero omitamos calquera tipo de linguaxe inclusiva.
  6. Pon podre a linguaxe inclusiva. Fala da economía da linguaxe, da RAE, de Pérez-Reverte e das ganas que teñen as feminazis de andar tocando o carallo. Mellor dito, los huevos. Para ridiculizala, na túa argumentación emprega palabras como zapate ou camiseto.
  7. Di que non es machista. Defende a manada como un caso a todas luces unicamente xudicial. Di que a Lei de Violencia de Xénero te discrimina. Deixa claro que non sabes o que é a Violencia de Xénero e cres que é tanto para un xénero como para o outro. Se algunha feminista nas redes cho rebate e che pon un link á propia lei ou che fai algunha pregunta, chámaa feminazi e foxe rapidamente da conversa. Se o fas así, ninguén sospeitará que non tes puta idea do tema e quedarás como un señor. Ou señora. Pero omitamos calquera tipo de linguaxe inclusiva.
  8. Se es muller, comeza calquera frase machista ou apoiando ao machismo que vaias dicir cun yo soy mujer, pero. Así ninguén sospeitará que non tes nin idea de feminismo. Despois podes dicir que as mulleres “son as máis machistas”, pero ti podes dicir a machistada que queiras escudándote en que es muller. Lóxica aplastante. Triunfas, chavala.
  9. En confianza, se es home e só cos colegas, fala de como tiña as tetas a “tipa” á que “te follaches”. Aínda que non o fixeses. Ou aínda que a ela lle prometas o máximo respecto. Que máis dá que sexa verdade, o caso é que ela o crea. Total, é muller e non se entera de moito. Se tomaches un par de cañas, xa podes comezar a dicir fases como las lesbianas son lesbianas porque no probaron una buena polla. É unha frase orixinal, que nunca se escoitou, e asegúroche que os colegotes se van rir asentindo. Incluso os que non saben o que é un clítoris. Eses serán os que rían máis alto.
  10. Se es home, asegura que ti tes un amigo que foi vilmente maltratado por unha muller. O teu amigo incluso chegou a ter unha orde de afastamento, pero foi porque a moi puta inventou todo. E encima quedóuselle coa custodia dxs fillxs! Pobre  do teu amigo, que a todas luces foi a inocente vítima deste sistema tremendamente inxusto. Di que te sentes perseguido como home. Que xa non tentas ligar porque tes medo de que te denuncien. Porque o de ligar con respecto non vai contigo. Ti es muy macho y mucho macho.
  11. Fala das axudas aos inmigrantes. E ás inmigrantes. Pero omitamos calquera tipo de linguaxe inclusiva. Asegura que ti sabes de casos de primeira man onde hai inmigrantes que viven a corpo de rei e que llelo pagas ti. Aínda que esteas no paro e/ou cobrando ti as axudas. Cando che pregunten que casos coñeces e che pidan probas, cálalles a boca chamándoos “progres” a modo de insulto. Que quede claro que a visión crítica e as gañas de evolución social son cousas do pasado, que agora quen manda es ti, perfecto fascista.
  12. Métete cos veganos sempre que poidas. E coas veganas. Bueno, veganos, que xa inclúe a todos, xa o di a RAE. Rite deles. Asegura que non es ti quen se mete cos veganos, senón eles contigo. Comparte calquera bulo que vexas por internet, como que morren todos e que non saben o que é a B12. Evita comprobar calquera fonte, iso é de fracasados: a nova España faise con confianza. Comprobar fontes non é patriótico.

 

Se sae algunha noticia de maltrato animal, desvía sempre a atención como fas cando inventas datos sobre denuncias falsas cando se fala de feminismo. Di que se dá máis valor aos animais que ás persoas. Se alguén che rebate algo ou te informa de que o que dis ou compartes non é certo, lanza unha bomba de fume e desaparece mentres berras “VIVA ESPAÑA”. Nun par de días estará esquecido e terás vía libre para compartir o seguinte bulo.

Viva España y viva el Rey.

Comentarios