Opinión

O feminismo 'freelance' contesta ao comunicado de Galegas 8M

 

Aínda que a miña intención tras ler o texto de Ximena era non contestar, e iso que me chamaba mentireira, despois da publicación do comunicado de Galegas 8M véxome na obriga de facer varias aclaracións.

 

1) Considero que o problema de base foi a organización do piquete. As persoas que o xestionaron non se informaron ben. No cartaz do Concello de Ourense no que se anunciaron as actividades en torno ao 8M, publicitadas dende Igualdade, podíase ler claramente “Organiza: Concellería de Cultura”. E para protestar contra a xestión da Concellería de Igualdade, boicoteouse precisamente unha actividade na que se especificaba que correspondía a outra concellería.

 

2) Hai 213 asinantes do comunicado de Galegas 8M no que se asegura que a Concellería de Igualdade tivo a iniciativa de facer o concerto. Como explicamos, tanto o 8 de marzo dende o escenario como posteriormente no meu comunicado, foi unha proposta das Xestreu e xestionada de principio a fin pola Concellería de Cultura. Animo ás 213 asinantes do comunicado a buscar probas de que fose unha iniciativa da concellería contra a que se fixo a acción. Sodes 213, malo será que entre todas non atopedes alomenos unha proba.

 

3) Informo as 213 asinantes do comunicado de que as subvencións danse entre administradores e administrados. Todo o mundo sabe que as partidas orzamentarias son diferentes para cada concellería e que as concellerías non se subvencionan entre elas.

cartaz

4) Nós non somos máis importantes que unha panadeira ou que unha traballadora de Zara. Pero o noso nivel de exposición non é, nin de lonxe, o mesmo que outros traballos. Estabamos dando a cara, porque no noso traballo somos persoas públicas. Gustaríame que Galegas 8M fixera unha reflexión sobre se se acadou o obxectivo que se pretendía. Se en toda Galicia hai concertos de artistas mulleres o 8M (pódese comprobar que os houbo con gobernos de todas as cores) e boicotean só un, algo fallou. Se despois da acción en Ourense, antes de ningún comunicado, se escoitan frases en boca da xente como “feministas contra feministas”, algo fallou. Se se fixo un piquete onde xis persoas entenderon que non era contra nós e outras nos atacaron, algo fallou. Que mágoa que non tiverades tendido pontes de comunicación a tempo, compañeiras, pero o feito, feito está.

 

5) Pregúntome por que cando hai Folga Xeral, actúan artistas animando as manifestacións e ninguén os chama esquirois. Se non cobraramos estaría ben que tocaramos? Parece que cando se nos chama para tocar de balde a cultura importa, pero cando cobramos, “máis casas de acollida e menos concertos”.

 

Tamén me pregunto como é que se pode berrar “é un día de loita, non de festa” inmediatamente despois de cantar o “banana eo, eo” coa batukada na mesma praza onde nós iamos tocar.

 

6) No meu comunicado expliquei que cando preguntei se podiamos comezar ás 00:00h, se me deron varias negativas. No comunicado de Galegas 8M vén a seguinte frase: descoñecemos os motivos que levaron á súa cancelación. Ante isto, só vexo dúas posibles explicacións. Ou que ningunha das 213 asinantes lera o meu comunicado e asinasen de xeito acrítico, ou que se estean rindo na miña cara.

 

7) No comunicado de Galegas 8M pídeseme a retirada do meu primeiro comunicado e unha desculpa pública por calumnias. Non se especifica onde está a calumnia, pero polo empeño que se puxo a explicar que “marcharon de alí ás 23:25” (quen? Todo o piquete? A cabeza do piquete? Todas as de Galegas 8M?), imaxino que é para desvencellarse do ataque que sufriron as miñas compañeiras. Se é por iso, gustaríame saber onde dixen que foi alguén de Galegas 8M quen as atacou. Non teño nin idea de quen foi, só sei que até as 00:00h (e até despois tamén) había xente do piquete, e que foi esa xente quen se dirixiu ás miñas compañeiras cando estaban recollendo os seus instrumentos.

 

8) Para rematar, hai algo que me ten totalmente descolocada, e quizais comece a crer nas pantasmas. No meu comunicado poño que o piquete estaba conformado dunhas cen persoas. No comunicado de Galegas 8M escriben eramos un centenar de mulleres as que a noite do 8 de marzo desenvolvimos a acción. Até aquí as versións coinciden: había sobre 100 persoas na acción. Sen embargo, o comunicado de Galegas 8M asínano 213 persoas. Como pode ser iso? De onde saen as outras 113? Teredes que engadir entón ao voso hastag #EuTaménPareiOConcerto outro que rece #EuTaménSonFalsaTestemuña.

 

Nada máis que engadir, señoría.

Comentarios